Concello e Deputación apoiarán o proxecto de remodelación e reapertura do Centro Ourensán de Montevideo

adminON
Lectura mínima de 2

Gonzalo Jácome e Luis Menor acordaron unha achega de 12.000 euros por parte das dúas administracións para atender a solicitude da comunidade ourensá na cidade uruguaia

O Concello de Ourense e a Deputación Provincial de Ourense concederán axudas por un importe total de 12.000 euros (6.000 euros cada unha) para o proxecto de remodelación e reapertura do Centro Ourensán de Montevideo. Así o acordaron esta mañá o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e o presidente da Deputación, Luis Menor, atendendo a solicitude que lles foi trasladada ás administracións local e provincial por parte da comunidade ourensá residente na capital de Uruguai. Este colectivo promove un proxecto para reabrir o Centro Ourensán de Montevideo, situado no centro da cidade uruguaia, que estivo pechado durante varios anos e agora se atopa en fase de reforma. O goberno municipal levará ante o Pleno do Concello o outorgamento desta axuda.

A institución foi fundada no ano 1952 por emigrantes ourensáns, e chegou a contar nos anos 80 con 1.000 socios, organizando actividades deportivas, lúdicas e de unión do colectivo de persoas procedentes de Ourense e de Galicia en xeral. O centro cesou na actividade despois da pandemia da COVID. Unha nova directiva, encabezada polo presidente Benito Grande, púxose en 2022 á fronte da entidade coa finalidade de reactivala. Hoxe contan con 140 socios, e agardan chegar proximamente aos 200. O centro está a relanzar as súas actividades e afronta agora o proxecto de remodelación das instalacións, que pretenden reabrir ao público no ano actual.

Comparte este artigo