O goberno municipal negociará individualmente cos grupos políticos as propostas que prevén destinar 22 millóns de euros a diferentes áreas do Concello
O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, convocará unha nova sesión extraordinaria da Comisión de Pleno do Concello o vindeiro mércores, 25 de setembro, para sacar adiante as 10 propostas de modificación de créditos, por un importe de 22 millóns de euros, elaboradas polo goberno municipal para reforzar diferentes áreas do Concello.
Así llelo comunicou esta mañá aos grupos políticos nunha xunta de voceiros celebrada na Alcaldía logo de que, por acordo de PP, PSdeG-PSOE e BNG, estes expedientes foran retirados, para mellor estudo, da orde do día da comisión de pleno que se celebrou a primeira hora da mañá de hoxe.
O alcalde defendeu a importancia destas propostas, que suporán unha inxección económica de 22 millóns de euros para reforzar a dotación orzamentaria de diferentes áreas municipais (para pago a provedores, arranxos de parques e zonas verdes, obras nos barrios, gastos da área social…) e avanzou que negociará individualmente o apoio a estas modificacións con cada un dos grupos políticos.
O alcalde explica que convocou a xunta de portavoces dada “a situación tremendamente grave que se producía”, logo de que outros grupos políticos “manifestasen que non ían tratar ningunha modificación de crédito até que non se solucionase o tema da Policía Local e a estabilización de emprego que, no meu criterio, é un sistema para facer fixos os que meteron enchufados”.
Este escenario supoñía, explica, un “secuestro do Concello”, ao impedir realizar as achegas económicas que necesitan diferentes áreas municipais. Ante a gravidade desta situación, di o rexedor, accedeu a convocar unha xunta de portavoces. No seu transcurso, o alcalde apreciou un “cambio de criterio”, por parte dos grupos de PP e PSdeG-PSOE: “queren falar, coñecer cousas sobre estes expedientes, polo que se negociará individualmente con cada grupo político”, advertindo que as modificacións de créditos irán a pleno “si ou si”.