O alcalde critica a “mala fe e picaresca” dos sindicatos pola convocatoria de folga para o 31 de outubro e 4 de novembro

adminON
Lectura mínima de 2

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, critica a “mala fe” dos sindicatos con representación no Concello pola convocatoria de folga para os días 31 de outubro e 4 de novembro. “É unha folga de mala fe e con picaresca que realmente deixa en moi mal lugar estes sindicatos”, manifestou o rexedor, aludindo a catro motivos.

En primeiro lugar, relatou, “convócase os días 31 de outubro e 4 de novembro, co que o que estás facendo é ampliar unha ponte de fin de semana”, ao ser as datas inmediatamente anterior e posterior ao venres, 1 de novembro, día festivo e a fin de semana do sábado 2 e o domingo, 3 de novembro.  

En segundo lugar, explicou Jácome, “anuncian 2 días de folga cando en realidade so será 1, xa que por convenio a metade do persoal do Concello non traballa o día 31 de outubro e a outra metade non traballa o 4 de novembro”. Deste xeito, advirte o alcalde que “o que non estea de vacacións, irá á folga, co cal, cun só día de folga, paralizan o Concello dous”.

Argumenta tamén o rexedor que “cando vas á folga tes que pagar un prezo: perder o soldo. Neste caso, anuncian 2 días e só perden 1, xa que o outro día xa o teñen de vacacións”. Entende ademais Pérez Jácome que os sindicatos “aproveitan que o Concello ten pouca xente eses días porque xa falta a metade do persoal, polo que o seguimento da folga parecerá moito maior do que sexa en realidade”

Finalmente, o alcalde cualifica de “cuarta maldade” por parte dos sindicatos que “intentan que a folga afecte a un día clave, xa que o día 31 é a xornada dos preparativos do día grande dos cemiterios”, que é a celebración de Todos os Santos (1 de novembro), “coa finalidade de que ese parón do 100% a noten os cidadáns” nas súas visitas aos camposantos municipais.

Comparte este artigo