O alcalde felicita os mozos de Ziptie Motorsport polo seu éxito na competición internacional de karts eléctricos en Viena

Redacción

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Artes e Festexos, Noa Rouco, recibiron esta mañá no Concello os mozos integrantes de Ziptie Motorsport para felicitalos persoalmente polo seu destacado papel na HTL Zero Emission Challenge 2026, que se desenvolveu os días 21 e 22 de outubro en Viena (Austria).

O equipo, formado por alumnado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense, estreou con éxito nesta cita o seu kart eléctrico de baixo custo, converténdose na primeira formación internacional en participar nesta proba. Acadaron o terceiro posto nas probas estáticas e viron cumprido o seu soño de competir cun vehículo creado por eles mesmos.

Ziptie Motorsport está formado por catro alumnos de segundo curso do Grao de Enxeñaría Aeroespacial da Universidade de Vigo (Nicolás Outón, José Luis Penide, Carlos Vázquez e Pablo Álvaro Froiz), xunto a Guillermo Penide, do IES Sánchez Cantón.

O alcalde subliñou que “para nós é un orgullo que na cidade haxa un campus universitario que teña estes rapaces e que sexan quen de levar a cabo iniciativas emprendedoras como esta. É unha auténtica marabilla, ademais son estudantes dos primeiros cursos, que agardamos que cheguen lonxe, pero que non marchen moi lonxe de Ourense”, sinalou.

Pola súa banda, Nicolás Outón aseguraba que esta experiencia “foi un soño feito realidade. O kart empezou como un proxecto que queríamos facer para gozar nós no circuíto e foi escalando. Cando xurdiu a posibilidade remota de ir a Viena, aceleramos un pouco, e a mentalidade de traballo mudou cara a facer algo máis profesional e acelerar para cumprir prazos”. Participaron así na “única competición deste nivel que se fai en Europa” e a experiencia foi netamente positiva: “o kart funcionou espectacular”, asegurou.

O proxecto contou co apoio do Concello de Ourense, a Xunta de Galicia —a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e Galicia Calidade—, Hotel Princess, Hotel Villaméxico, Apersa, EcoAuriense, Iuvenorlab, VESC Project, Onshape e Racing Dakart Sanxenxo.

Comparte este artigo