O goberno municipal abrirá expedientes disciplinarios a 3 traballadores municipais por acceder indebidamente a un expediente non autorizado. Así llo comunicou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, aos tres empregados logo de ter coñecemento de que no día de onte accederan e descargaran documentación dun expediente en tramitación no Concello, relativo a unha denuncia por acoso laboral realizada por un traballador fronte a un xefe de servizo, que está sen resolver, e ao que non tiñan autorización a acceder.
O goberno municipal toma medidas coa confianza de que sexan disuasorias e contribúan a erradicar este tipo de infraccións, xa que entende que son unha “práctica habitual” no Concello, e dándose a circunstancia de que, en ocasións, dáse o caso de que “funcionarios que non cumpren en tempo cos seus expedientes, acceden en cambio a outros que non lle competen, e para os que non están autorizados”.

