O Concello estreará mañá coa Cabalgata unha nova aplicación: GISou, que permite acceder sobre un mapa a información de interese sobre a cidade e sobre o propio Concello

adminON
Lectura mínima de 2

O público poderá xeo-localizar o paso dos Reis Magos pola cidade en tempo real coa nova aplicación, desde a web do Concello

O Concello de Ourense pon desde mañá, venres, 5 de xaneiro á disposición da cidadanía GISou, unha nova aplicación web consistente nun sistema de información xeográfica (GIS polas súas siglas en inglés) que permite acceder desde un mapa da cidade a información pública de interese relativa a actividades, obras ou servizos públicos que desenvolve o Concello, e outros datos de relevancia da propia cidade.

Deseñado polo Departamento de Innovación Tecnolóxica do Concello, o novo GISou arranca mañá en fase preliminar, cunha primeira selección de contidos e coa finalidade de seguir recompilando e poñendo á disposición da cidadanía todo tipo de información de interese proporcionada polos diferentes servizos municipais.

Nesta fase inicial, as persoas que o desexen poden xa acceder a información xeolocalizada tal como parques infantís, fontes, elementos de mobilidade vertical da cidade, prazas de mobilidade reducida, proxectos do plan Move Ourense, actuacións do Consello Municipal de Deportes ou coñecer cal será a localización dos radares que proximamente entrarán en funcionamento en Ourense.

A Cabalgata de Reis Magos deste venres estreará esta nova aplicación, de maneira que todas as persoas que o desexen poderán xeolocalizar en directo o paso da comitiva polas rúas da cidade para saber en tempo real o punto onde se atopa. Simplemente terán que acceder á páxina web do Concello onde atoparán a ligazón a esta aplicación, que os levará ao mapa da cidade onde verán en que punto están.

Comparte este artigo