O alcalde garante que o Concello dará “todas as facilidades” para poñer en marcha o transporte metropolitano e demanda a colaboración da Xunta e da Deputación
A Xunta de Goberno Local adxudica o contrato para a instalación da iluminación de Nadal
A Xunta de Goberno Local aprobou este mediodía en sesión extraordinaria o expediente para licitar, mediante procedemento aberto, o contrato do servizo de transporte público colectivo urbano de viaxeiros do Concello de Ourense. No mesmo acordo, aprobou os pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas e dispuxo a apertura do procedemento de adxudicación.
O contrato inclúe a xestión do servizo de autobuses urbanos por un período de 5 anos, desde 2025, cun orzamento anual de 9.476.922,66 euros. Inclúe a xestión do servizo municipal, a implantación das novas liñas de autobuses que se porán en marcha na cidade, e deixa prevista tamén a futura entrada en funcionamento do transporte metropolitano.
A concesionaria explotará a frota de vehículos existente, á que o Concello vén de incorporar recentemente 40 novas unidades (15 diésel, 15 minibuses e 10 eléctricos), aínda que se poderían incorporar máis no futuro. Tamén deberá contar cunha nave electrificada, tendo en conta que xa están en servizo os 10 vehículos eléctricos.
Ademais, as liñas do servizo municipal cambiarán nun 95% coa nova concesión. A empresa adxudicataria do contrato deberá integrar as novas liñas, das que o Concello avanza unhas especificacións a modo orientativo (non definitivo, xa que poderían cambiar).
Iluminación de Nadal
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou adxudicar a Iluminaciones Ximénez S.A. o contrato para a subministración e instalación de elementos decorativos da iluminación do Nadal da cidade 2024-2025, por un importe de 593.010 euros, IVE engadido.
Xuntanza sobre transporte metropolitano
Tamén esta mañá, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o concelleiro de Transporte Público, Antonio Fernández, e técnicos municipais participaron nunha xuntanza co presidente da Deputación Provincial de Ourense, Luis Menor, representantes da Xunta de Galicia e alcaldes de concellos limítrofes para avanzar na posta en funcionamento do transporte metropolitano.
Gonzalo Jácome confirmoulles a vontade do Concello de colaborar con todas as administracións para que a área metropolitana de Ourense conte con este servizo, e demandou a colaboración técnica e económica da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial. “Deixamos claro que a disposición do Concello de Ourense é do 100%; que damos todas as facilidades; que pedimos a colaboración da Xunta e da Deputación e que, se hai disposición das partes, todo o demais solucionarase. Todo vai ben enfocado”, resumía o alcalde ao remate da reunión.
No encontro, Pérez Jácome explicou que o novo contrato do servizo de autobuses da cidade deixará prevista a implantación futura do novo servizo metropolitano, ademais de incorporar novas liñas de transporte.
Porén, entende o rexedor que a mellor solución para o transporte metropolitano en Ourense pasaría non só por estender as liñas dos autobuses da cidade, senón tamén por aproveitar as liñas xa existentes de servizo interurbano da Xunta de Galicia, como é o caso da que comunica Ourense con Barbadás, entre outras. Asi, o modelo “máis operativo” sería “un mix entre as liñas da Xunta de Galicia e as do Concello de Ourense”, manifestou.
Gonzalo Jácome lembrou a vontade do goberno municipal de que os autobuses urbanos sexan gratuítos o vindeiro ano 2025. Como queira que os demais municipios non terán un servizo gratuíto, o Concello solucionará este condicionante creando unha tarxeta de transporte municipal. “Aínda que a nosa intención inicial era que os autobuses fosen de acceso libre, poderiámonos sacrificar se é polo ben da provincia”, explicou o alcalde
Pérez Jácome tamén garantiu que o Concello realizará as adaptacións que sexan precisas dos propios autobuses de Ourense para que os vehículos poidan prestar o servizo metropolitano.
O alcalde deixou claro que a cidade de Ourense debe protagonizar e liderar este proxecto e entende que “o que é bo para a provincia é bo para a cidade”.

