HomeOurenseO Concello mobilizará 19,9 millóns de euros en investimentos na cidade co...

O Concello mobilizará 19,9 millóns de euros en investimentos na cidade co apoio de fondos FEDER do Plan EDIL

- Anuncio -spot_img

O alcalde e o subdelegado do Goberno presentaron os proxectos de mobilidade, infraestruturas e medio ambiente que se desenvolverán na cidade

Gonzalo Jácome e Eladio Santos lamentaron a falta de investimentos importantes da Xunta de Galicia na cidade

O Concello de Ourense mobilizará 19,9 millóns de euros en investimentos na cidade co apoio de fondos europeos do Plan EDIL. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, o concelleiro de Infraestruturas, Fran Lorenzo, e o subdelegado do Goberno na provincia de Ourense, Eladio Santos, presentaron esta mañá os proxectos que se desenvolverán na cidade co apoio desta convocatoria. Realizada pola Dirección Xeral de Fondos Europeos, ten como obxectivo asignar senda financeira a plans de actuación integrados de entidades locais, no marco do desenvolvemento urbano sostible, con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

De acordo coa resolución da Dirección Xeral, o Concello de Ourense recibirá unha subvención de 8.730.304 euros de fondos FEDER para executar proxectos de mobilidade, infraestruturas e medio ambiente na cidade, cuxo orzamento total ascende a 19.984.134,23 euros. A achega do Concello será de 11.253.830,20 euros.

Plan de actuación integrado “Ourense verde e conectado”

O Plan de actuación integrado elaborado polo Concello, co título “Ourense

verde e conectado”, abrangue 11 actuacións recollidas en 2 proxectos

diferentes:

  • O proxecto “Ourense conectada” inclúe as actuacións de:

– Humanización das rúas Doutor Fleming

– Humanización da rúa Bonhome,

. Mellora da mobilidade vertical na Rampla de Sas,

– Mellora da mobilidade vertical na rúa Amor Ruibal

– Mellora da mobilidade en Vasco Díaz Tanco, e

– Programa socio-cultural de cohesión e gobernanza.

  • O proxecto “Ourense verde, rúas verdes” inclúe diferentes actuacións de:

– Renaturalización da cidade,

– Barrios verdes: percorridos verdes a nivel de barrio e vida social e mellora da seguridade, eficiencia, accesibilidade e áreas infantís;

– Rúas e prazas verdes: sombra para camiñar e máis biodiversidade e Mellora da seguridade, eficiencia, accesibilidade e áreas infantís,

– Programa Barrios verdes (carácter saudable), e

– Programa: a cidade verde (carácter ambiental)

“Ourense conectada”, explicou Fran Lorenzo, “vén reforzar a liña de traballo deste goberno municipal en canto á conexión e humanización dos barrios e da cidade. Ourense é pioneira e referencia a nivel nacional en mobilidade vertical”, manifestou. Pola súa banda, “Ourense verde, rúas verdes” detallou, quere renaturalizar os barrios, mellorar espazos e zonas verdes xa existentes, e implementar medias de eficiencia enerxética e accións de divulgación e dinamización social, ademais de plantar 3.000 árbores

O concelleiro destacou o “alto grao de madurez” dos proxectos presentados polo Concello, xa que a práctica totalidade deles xa están redactados e listos para licitar. O goberno local presentará ante o Pleno proximamente unha proposta de modificación de crédito que dotará fondos para estas obras.

O alcalde e o subdelegado destacaron a relevancia dos proxectos que se desenvolverán na cidade con esta convocatoria, xa que contribuirán a facer de Ourense unha cidade máis amable, sostible, moderna e atractiva. Tamén coincidiron en lamentar a falta de investimentos relevantes por parte da Xunta de Galicia en Ourense.

“Gustaríanos facer un día unha rolda de prensa onde estivese a Xunta de Galicia anunciando investimentos”, manifestou Pérez Jácome, quen quixo poñer de manifesto que “levamos varios anos que a Xunta de Galicia fai en Ourense unhas obras pírricas, arbitrarias e ademais moi pequenas comparadas coas que está facendo noutras cidades galegas”, engadindo que “son cousas de andar por casa, son simplemente esmolas”

O rexedor tamén cuestionou o infrafinanciamento que teñen os concellos “que son a casa dos cidadáns”. “Quero criticar o sistema, non é normal que os concellos de toda España estean infrafinanciados e que para facer obras, que é o máis importante para a calidade de vida dos cidadáns, teñan que mendigar e recorrer a investimentos deste tipo, que aumentan a burocracia. E logo, tes que esperar que sexan xustas ou non o sexan”, aseverou Pérez Jácome.

Publicacións Relacionadas