O alcalde recibe unha delegación de investigadores de Uzbekistán que visitan Ourense no marco do proxecto Greendt

adminON

Traballan na posta en marcha dun máster en Enxeñería Ambiental no  país asiático, co apoio da Universidade de Vigo

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu onte á tarde no salón de plenos un grupo de investigadores e representantes de varias universidades e da Administración de Uzbekistán que durante estes días visitan a cidade de Ourense, no marco das actividades do proxecto europeo Greendt,  Implementación de másteres en Enxeñería Ambiental a través da transición sostible e o cambio social, no que participa a Universidade de Vigo.

Durante a recepción institucional, o rexedor deulles a benvida á cidade, desexoulles unha feliz e proveitosa experiencia tanto no ámbito profesional como no persoal e convidounos a desfrutar durante estes días dos recursos turísticos de Ourense e dos numerosos atractivos que a cidade pon á disposición das persoas que a visitan.

O proxecto Greendt reúne un consorcio internacional multidisciplinar de institucións académicas e gobernamentais do país asiático, Portugal e España, representada pola Fundación Empresa-Universidad Gallega (Feuga) e a Universidade de Vigo.

A comitiva uzbeka, formada por unha ducia de profesionais, traballa no proxecto de implantar no país asiático un máster de enxeñería do medio ambiente. Até o día 18 de xullo participan no campus de Ourense nun ciclo de  relatorios sobre enxeñaría, enerxía renovables, inclusión, sustentabilidade e problemas coa auga, a cargo de persoal docente e investigador da UVigo que participa no proxecto.

Comparte este artigo