A Concellería de Educación do Concello de Ourense organiza Concilia Nadal, un programa de actividades para nenos e nenas pensado para favorecer a conciliación familiar durante as vacacións escolares de Nadal. Desenvolverase de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas todos os días non lectivos desde o luns, 22 de decembro, ata o mércores, 7 de xaneiro.
O programa ofrece 3 propostas diferentes:
“Un Nadal de aventuras”, no anexo da Escola de Música, na rúa da Canle, para escolares nados/as entre 2020 e 2022
“Aulaponia”, na Aula da Natureza do Río Miño, en Oira, para escolares nados/as entre 2014 e 2019.
“Espazo makers”, no campus de Ourense: para escolares nados/as entre 2012 a 2016
As actividades teñen como finalidade fomentar a socialización, promover actitudes solidarias e de convivencia, incentivar o traballo cooperativo e o respecto polo medio ambiente. Incorpora tamén contidos e metodoloxías STEAM (como robótica educativa ou electrónica), e ofrece un reforzo educativo adaptado ás necesidades das rapazas e dos rapaces participantes.
Inscricións, desde o mércores 26
A inscrición será en liña a través da páxina web ou da aplicación oficial do Concello. O prazo estará aberto desde o mércores, 26 de novembro, ás 10.00 horas, até o 3 de decembro ás 23.59 h. A listaxe provisional de nenos e nenas admitidos/as publicarase o día 9 de decembro e a definitiva o día 12. A taxa por matrícula é 10 euros (e de 5 euros no caso de irmáns ou irmás).



