Adopta esta decisión pola “inviabilidade de ter unha audiencia mínima e para poder aumentar a colaboración na prevención da COVID-19”
O Concello de Ourense pospoñerá, durante o primeiro trimestre de 2021, os espectáculos previstos no Auditorio. O goberno municipal adopta esta decisión por un dobre motivo: “a inviabilidade de ter unha audiencia mínima, e para poder aumentar a colaboración para a prevención en medidas fronte á COVID-19”. Ourense atópase desde esta semana en nivel máximo de restricións, segundo decretou a Xunta de Galicia, de forma que cun toque de queda ás 22:00 horas e peche perimetral, a cidade non pode recibir público de concellos limítrofes, xa que asistir a espectáculos non é causa de permeabilidade xustificada.
Non haberá, xa que logo, actividades no Auditorio de xaneiro a marzo, agás os dous concertos previstos para este trimestre no ciclo Enclave de Cámara: os dos cuartetos de corda Zagreb Quartet, 04.02.2021, e Ardeo Quartet, 04.03.2021, xa contratados con anterioridade. “Se no mes de abril o panorama cambiase, poderiamos abordar o segundo trimestre con certa normalidade”, asegura o goberno municipal.
Oferta cultural
O goberno local asegura que “de todos os xeitos Ourense cidade mantén unha oferta cultural que é superior á demanda actual neste estado de alarma en Nivel Máximo. Iso é debido a que o Teatro Principal, si mantén programación activa ”. Neste senso, explican, “entendemos que o Concello de Ourense non debe ser alleo á oferta total na cidade, cando planificamos a nosa desde o municipio. Así, dada a situación actual e a pouca posibilidade de público actual debido á situación médica, a oferta desde o Teatro Principal cobre perfectamente a demanda na cidade”.
A este respecto, explican, “o que desde o Concello non imos facer é duplicar a oferta da cidade nunha época de restricións absoluta. É dicir, se xa custa encher o reducido aforo do Teatro Principal, non imos ofertar espectáculos paralelos desde o auditorio no estado de Nivel Máximo decretado pola Xunta”.
O goberno municipal sostén que “o Concello de Ourense seguirá sendo a locomotora cultural principal da cidade e provincia, cando a conxuntura o permita, como xa demostramos en Nadal, cunhas luces espectaculares, un innovador bus musical pioneiro en Galicia, e a recepción real (cabalgata estática de luxo), que nos situaron na cima das accións do Nadal municipais en toda Galicia”.