Notificaralle o acordo á Confederación Hidrográfica para que proceda á demolición da edificación inacabada
A Xunta de Goberno Local aprobou 24 acordos na súa sesión ordinaria desta semana
O Concello de Ourense recupera a titularidade das parcelas que cedera no seu día á Xunta de Galicia para a construción do errado Centro de Interpretación de Parques Naturais, en Quintela de Canedo.
A Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión desta mañá resolver a cesión gratuíta á Xunta de Galicia das 2 parcelas cedidas, na paraxe da Veiga, Quintela de Canedo: unha de equipamento sociocultural de 23.255,28 metros cadrados, e outra de zona verde do sistema xeral cunha superficie de 3.002,72 m², e requirir á Xunta de Galicia para que llas entregue ao Concello.
O Concello notificaralle o acordo á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para que proceda á demolición da edificación inacabada para o futuro uso dos terreos ao servizo da cidade.
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou en total 24 acordos na súa sesión ordinaria desta semana, que se desenvolveu a mediodía de hoxe no salón de plenos.
Servizo de Rehabilitación (8). Outorgar definitivamente 8 subvencións solicitadas por particulares para a execución de obras de reforma de edificios e vivendas na área de rehabilitación urbana (ARRU) da cidade: 4 delas no centro histórico, 2 na ARRU O Polvorín – As Camelias – A Carballeira, e outras 2 no núcleo etnográfico de Seixalbo.
Patrimonio (1). Reversión da titularidade de 2 parcelas en Quintela de Canedo.
Asuntos Sociais (1) Recoñecer unha obriga de pagamento de 2 facturas polo alugueiro dun local da Área Social do Concello.
Persoal e Recursos Humanos (1)
Aprobar a modificación da Oferta de Emprego Público extraordinaria para a estabilización de emprego temporal do Concello de Ourense
Retirouse da orde do día da sesión o punto relativo á proposta de modificación da base número 10ª das bases reguladoras dos procesos selectivos, mediante concurso, para a execución da oferta de emprego público do Concello de Ourense extraordinaria para a estabilización de emprego temporal correspondente ao exercicio 2022 (aprobadas por Decreto da Alcaldía nº 2022011931, do 27 de decembro de 2022, e publicadas no BOP nº 299, do 31 de decembro de 2022).
O expediente irá á próxima xunta de goberno local.
Avogacía Consistorial (13). A Xunta Local deu conta de 9 sentenzas, 6 delas ditadas polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 e outras 3 polo número 2, e tomou coñecemento de que o Concello comparecerá diante do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense en 2 procedementos ordinarios e diante do número 2 nun ordinario e outro abreviado.