O Concello rende homenaxe ao labor altruísta de Obdulia Díaz e da súa filla cunha placa na Praza de Saco e Arce

adminON
Lectura mínima de 3

“A Torre do Baño é unha homenaxe a Dona Obdulia Díaz Picouto, nai e avoa de máis de cen nenos propios e alleos. Sempre con xenerosidade, agarimo e moito traballo”, destaca a lenda da escultura

O acto contou coa asistencia da concelleira de Igualdade, Noa Rouco, representantes dos grupos municipais, o artista Manuel Penín, familiares e amigos

O Concello de Ourense rendeu homenaxe esta mañá ao labor altruísta de Obdulia Díaz Picouto, e da súa filla Lola Nóvoa, descubrindo unha placa na súa memoria na Praza de Saco e Arce, xunto á escultura Torre do Baño, de Manuel Penín. Coa lenda: “A Torre do Baño é unha homenaxe a Dona Obdulia Díaz Picouto, nai e avoa de máis de cen nenos propios e alleos. Sempre con xenerosidade, agarimo e moito traballo”, a placa incorpora un código QR que permite acceder a unha referencia biográfica e fotografías da muller homenaxeada no enderezo https://www.turismodeourense.gal/torre-de-bano/

O acto contou coa asistencia de representantes dos grupos políticos municipais, familiares e amigos de Obdulia Díaz e Lola Nóvoa, entre eles algúns dos que foron coidados por ela na súa infancia.

Na súa intervención, a concelleira de Igualdade, Noa Rouco, fixo alusión á “figura extraordinaria” de Obdulia Díaz “cuxa bondade e dedicación deixaron unha pegada imborrábel na historia da nosa cidade”. A placa descuberta hoxe, dixo, “honra a historia xenerosa e altruísta” de dúas “verdadeiras heroínas que nunha época tremendamente dura como foi a posguerra española fixeron un labor que merece ser valorado e lembrado por xeracións vindeiras”.

O escultor Manuel Penín, autor da obra “A Torre de Baño”, que desde 2011 lle rende homenaxe a Obdulia na Praza de Saco e Arce, expresou a súa ledicia “por pechar o círculo” coa descuberta da placa e o código QR coa información do labor realizado por dúas mulleres que “en momentos moi difíciles sacaron o mellor de si, o lado máis xeneroso da faceta humana. É un exemplo para agradecer e para sacar o mellor de nós mesmos cada día”, asegurou.

José Manuel Ramos, que foi un dos nenos que Obdulia e a súa filla acolleron na súa casa, celebrou que “se recoñeza o lugar que teñen na historia de Ourense estas dúas mulleres impresionantes, cunha humanidade que non lles collía no corazón. Sempre deron amor e cariño a todos os cativos que caeron nas súas mans”, lembrou. A través do código QR, “todos os cidadáns de Ourense poderán saber quen foron estas mulleres. A historia colocaraas no sitio que merecen nesta cidade”, manifestou.

Comparte este artigo