O Concello requirirá á empresa que xestiona a Praza de Abastos para que inicie o proceso de traslado ao edificio rehabilitado

adminON
Lectura mínima de 4

Terán un prazo de 3 meses para presentar un proxecto; 2 para subsanar eivas, se as hai, e 6 máis para executalo

O Concello de Ourense requirirá á empresa que xestiona a Praza de Abastos número 1 da cidade para que inicie o proceso de traslado dos seus puntos de venda, actualmente instalados na Alameda, ao edificio rehabilitado do mercado municipal.

Con esta finalidade, a Xunta de Goberno Local ten previsto aprobar mañá, xoves, na súa sesión ordinaria desta semana, requirir á mercantil Comerciantes Asociados do Mercado de Abastos número 1 de Ourense para que nun prazo máximo de 3 meses presente o proxecto de adaptación do espazo interior do edificio reformado para o traslado dos postos de venda para o exercicio da actividade mercantil. O prazo de 3 meses comezará a contar a partires do día seguinte á data de notificación do acordo da Xunta de Goberno.

O proxecto que presenten deberá ser aprobado posteriormente polo Concello. No caso de que presente eivas, deberán subsanarse nun prazo máximo adicional de 2 meses.

Unha vez aprobado polo Concello, o proxecto deberá executarse no prazo máximo de 6 meses, salvo que no propio proxecto se estableza un prazo de execución inferior. Os costes do proxecto serán costeados integramente pola entidade que xestiona a praza.

Outros asuntos incluídos na orde do día

Na súa sesión de mañá, a Xunta de Goberno Local tratará outros 20 asuntos

Licenzas (8): Seis proxectos: para o acondicionamento dun local para vivenda na rúa Bispo Carrascosa; a construción dunha unifamiliar en Vilar de Astrés; a reforma do portal dun edificio na rúa Xoán XXIII; a instalación de ascensor nun edificio de vivendas na rúa Remedios; e adaptación de planta de oficinas para 2 vivendas na Avenida de Portugal e a construción dunha unifamiliar na rúa do Orcellón.

Tamén se tratarán o expediente de troco do titularidade da licenza urbanística de obra para o proxecto básico de construción dun edificio na rúa Fonte do Monte, e o expediente de execución dunha sentenza do Xulgado do Contencioso- Administrativo número 1.

Disciplina (1) Expediente de declaración de ruína polo mal estado dun inmoble na rúa Camiño do Trasno

Patrimonio (4) Catro reclamacións de responsabilidade patrimonial

Artes e Festexos (1) Bases reguladoras do procedemento para o outorgamento da autorización demanial de ocupación temporal do dominio público municipal, en réxime de concorrencia, con destino á instalación e explotación dunha barra de bar durante a celebración das festas do barrio do Couto

Alcaldía (1). Proxecto de ordenanza reguladora das tarifas dos servizos de abastecemento de auga potable, sumidoiros e depuración de augas residuais do Concello de Ourense.

Asuntos sociais (1) Reposición a estado de dispoñible de crédito sobrante dun contrato.

Persoal e recursos humanos (1) Modificación nº 1/2025 da Relación de Postos de Traballo do Consello Municipal de Deportes de Ourense (determinación da forma de provisión do posto de Xefatura da Administración do Consello Municipal de Deportes)

Avogacía Consistorial (3). Dar conta dunha sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2, doutra do Xulgado do Social número  4, e dun emprazamento para que o Concello compareza diante deste mesmo xulgado nun procedemento ordinario.

Comparte este artigo