O Concello de Ourense xa reservara unha achega adicional de 90.000 euros para ampliar o orzamento da convocatoria de subvencións a entidades sociais do ano 2024. No día de onte, o Concello publicaba no Boletín Oficial da Provincia a resolución desta convocatoria, pola que acordaba conceder axudas a 16 asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor na cidade, por un importe de 323.825,09. Porén, a resolución indicaba que non era posible concederlles a axuda, por falta de crédito orzamentario, a outras 14 entidades.
O goberno municipal explica que o aumento desta partida nos últimos anos animou a moitas entidades a presentar solicitudes, o que provocou que o importe da partida orzamentaria inicial non fose suficiente.
Por este motivo, o goberno municipal tramitou e presentou ante o Pleno do Concello unha proposta de modificación orzamentaria, a 9P/2024, que destinaba, entre outras contías, unha achega de 90.000 euros adicionais á convocatoria, coa finalidade de que máis entidades dispoñan de axuda. A modificación orzamentaria está aprobada desde o día 19 de novembro, e permitirá que practicamente todas as entidades sociais que cumprían os requisitos poidan contar con subvención municipal.

