O goberno municipal do Concello de Ourense expresa a súa solidariedade co persoal do comercio de alimentación de Ourense, especialmente das empresas Froiz, Cuevas, Gadis, que hoxe se mobiliza cunha folga e unha manifestación polas rúas da cidade. O grupo de goberno apoia as reivindicacións das traballadoras e dos traballadores de Ourense no punto en que demandan que os seus salarios sexan equiparados cos das restantes provincias galegas.
Aprecia o executivo local que as táboas salariais amosan diferenzas significativas e inxustificadas nas remuneracións do sector en Ourense fronte aos do resto de Galicia, polo que apoia este punto das reivindicacións. “Respectamos os procesos de negociación colectiva, que loxicamente competen á representación das empresas e do persoal, pero apoiamos esta reivindicación, xa que os salarios de Ourense son máis baixos ca os do resto de Galicia. Desde este goberno loitamos en todas as frontes en demanda de que non haxa discriminación negativa da cidade de Ourense e da súa veciñanza, polo que apoiamos tamén esta reivindicación”.

