O goberno municipal do Concello de Ourense proporá crear un novo bono de 30 euros, que permitirá utilizar a piscina termal das Burgas 10 días diferentes, en calquera momento do ano. Así o anunciou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante o período de información pública da ordenanza reguladora deste servizo municipal, aprobada inicialmente polo Pleno do Concello o día 18 de outubro.
O goberno local proporá a creación deste novo bono a través dunha alegación á normativa, coa finalidade de que a medida quede integrada no documento final que será sometido a aprobación definitiva por parte do Pleno do Concello.
Con esta iniciativa preténdese “mellorar e perfeccionar a ordenanza, neste caso cun paquete de 10 baños por 30 euros, co que o baño sairía a 3 euros, sen estar condicionado a consumilo no propio mes”, sinala o rexedor. Detalla Pérez Jácome que é unha tarifa “pensada especialmente nos residentes, que terían un prezo distinto aos turistas, aos que vai máis enfocada a tarifa de 7 euros que custa usar as instalacións un só día”. Con esta incorporación, a veciñanza “terá dúas opcións: o bono de 25 euros ao mes para ir todas as veces que queira ou o pack de 10, a 3 euros por baño”.

