O campo de fútbol Monte da Aira reunirá máis de 700 futbolistas das categorías infantil e alevín na edición número 12 do Memorial Manolo Carrera, que se disputará durante as dúas próximas fins de semana en Velle. O salón de plenos do Concello acolleu esta mañá a presentación deste tradicional torneo, na que participaron o presidente do Club Deportivo Velle, Paco Sotelo, o concelleiro de Deportes Aníbal Pereira, o deputado provincial Jorge Pumar e o coordinador de deporte escolar do Servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Carlos Bericat
O memorial comezará este sábado, 21 de setembro, coa súa fase previa, na que competirán 28 equipos de categoría benxamín (con futbolistas de 8 e 9 anos) e alevín (de 10 e 11), e continuará a seguinte fin de semana coa fase final, que se desenvolverá o sábado, 28, na categoría benxamín, e o domingo, 29 na categoría alevín.
O certame, ao que foron convidados todos os equipos da provincia, pretende ser “unha grande festa do fútbol 8 en Ourense”, segundo manifestou o presidente do Velle, Paco Sotelo, quen significou que para o seu equipo é “un orgullo moi grande contar coa participación de máis de 700 rapaces” neste memorial.
Pola súa banda, os representantes de Concello, Deputación e Xunta expresaron o seu apoio a este torneo e á promoción do deporte base en Ourense. “Estamos aquí para fomentar este tipo de cousas”, manifestou o concelleiro Aníbal Pereira, “é onde temos que poner as institucións recursos” subliñando que o deporte base “é unha forma de socializar e unha forma de vender valores, e temos que ser conscientes de que esta é a mellor ferramenta que temos a calquera nivel para mellorar a sociedade “, e agradeceu o labor que tanto o Velle como os demais equipos da cidade realizan para que promocionar o deporte base en Ourense.