O tenente de alcalde do Concello de Ourense, Aníbal Pereira, participou esta mañá na concentración convocada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) diante do Congreso dos Deputados, baixo o lema “Por un financiamento local xusto”.
Durante o acto reclamóuselle ao Goberno do Estado a aprobación dun Real Decreto Lei que garanta a suficiencia e estabilidade financeira dos concellos, que actualmente sofren unha situación de asfixia económica pola ausencia de orzamentos xerais do Estado.
Demandouse tamén a actualización das entregas a conta para o exercicio en curso e o aboamento das liquidacións pendentes correspondentes ao ano 2023.Ademais, esixiuse que se permita destinar o superávit municipal a investimentos financeiramente sostibles, co fin de contribuír á reactivación económica dos municipios.
Aníbal Pereira afirmou que “hoxe non vimos a Madrid a pedir máis cartos, senón a esixir que o Estado cumpra cos concellos: que pague o que debe, e en prazo, e que nos deixe usar os nosos propios recursos con máis liberdade”.
Por último, pediuse a convocatoria urxente da Comisión Nacional de Administración Local para abordar estas demandas fundamentais para o municipalismo.