· “Esiximos que se poña freo ao desmantelamento da seguridade no rural”, subliña a deputada Ana Vázquez como causa directa do aumento da criminalidade, que afecta de modo especial ás persoas maiores. “A seguridade tamén é sinónimo de benestar”
· Os deputados ourensáns queren que explicacións ao peche de cuarteis e unidades deste corpo en diferentes puntos da provincia: dos preto de 40 cuarteis que a Benemérita ten en territorio ourensán só permanecen abertos pola noite os de Xinzo de Limia, O Carballiño, O Barco de Valdeorras e Verín
· Desde que goberna Sánchez, a criminalidade aumentou un 23 % e os roubos con forza e violencia en domicilios un 6,5 %
Os representantes do Partido Popular de Ourense no Congreso dos Deputados, Ana Vázquez, Celso Delgado e Rosa Quintana, solicitaron a comparecencia urxente do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, e da directora xeral da Garda Civil, María de las Mercedes González, ante a alarmante situación de inseguridade que afecta ás zonas rurais da provincia de Ourense, así como a crecente preocupación entre a cidadanía destas áreas pola onda de roubos con violencia que se están a producir nos últimos meses.
A iniciativa dos deputados populares prodúcese logo de coñecer un novo roubo con violencia rexistrado na madrugada deste luns nunha vivenda do Concello de Lobios, no que un home de 74 anos resultou ferido grave. Un caso que se suma ao acontecido en decembro pasado en Xinzo de Limia, feitos que están a incrementar o desacougo entre a poboación.
“Esiximos que se poña freo ao desmantelamento da seguridade no rural”, subliña a deputada Ana Vázquez como causa directa do aumento da criminalidade, que afecta de modo especial ás persoas maiores. “A seguridade tamén é sinónimo de benestar”, afirma Vázquez, que reclama “ver patrullar aos coches da Garda Civil e cuarteis abertos con axentes”.
Os deputados ourensáns queren que tanto o ministro do Interior como a directora xeral da Garda Civil expliquen as razóns polas que están a pechar cuarteis e unidades deste corpo en diferentes puntos da provincia: dos preto de 40 cuarteis que a Benemérita ten en territorio ourensán só permanecen abertos pola noite os de Xinzo de Limia, O Carballiño, O Barco de Valdeorras e Verín.
MEDIDAS “CONTRA A TRANQUILIDADE DA VECIÑANZA”
Para Vázquez, o Goberno de Sánchez non só adopta unha actitude pasiva en materia de seguridade cidadá, senón que ademais “toma medidas que van contra da tranquilidade da veciñanza desmantelando os cuarteis da Garda Civil”, medidas que xa denunciou o grupo popular no Congreso e os alcaldes dos concellos afectados ata en catro ocasións no pasado ano. “Desmantelan unidades, abren cuarteis en horario de oficina pola mañá e outros só dous ou tres días á semana”.
Ante o peche de cuarteis, a falta de atención ao cidadán e o traslado de axentes, os datos de criminalidade experimentaron un notable aumento. Así, os datos de Interior rexistrados entre xaneiro e setembro de 2024, en comparación co mesmo período de 2018, reflicten 1.308 delitos máis, o que supón un aumento da criminalidade do 23 %. No caso dos roubos con forza e violencia en domicilios, eses mesmos datos indican un aumento do 6,5 % nestes seis anos de goberno de Sánchez.
Ante esta situación, os deputados esixen a comparecencia urxente dos responsables de Interior e da Garda Civil para expliquen as razóns que están a provocar o “grave desmantelamento da seguridade nas zonas rurais”.