O PSOE alega ante Función Pública para corrixir os complementos salariais da praza de Secretaría-Intervención
Alberto García, voceiro socialista, alerta dun incremento do 49% que non se xustifica nun concello de 2.700 habitantes
CATOIRA, 31 de outubro de 2025
O voceiro do grupo municipal socialista de Catoira, Alberto García García, presentou unha alegación formal dirixida ao alcalde e á Dirección Xeral de Función Pública, tras a publicación no BOE do Concurso Unitario de Traslados que inclúe a praza de Secretaría-Intervención do Concello de Catoira, que incrementa de xeito alarmante e irregular as retribucións para este posto.
Na alegación, García denuncia que os complementos retributivos asignados ao posto —o Complemento de Destino (CD) e o Complemento Específico (CE)— foron fixados de maneira irregular e sen axustarse ao acordo plenario vixente de setembro de 2021. Segundo ese acordo, os importes mensuais deberían ser de 764,54 euros para o CD e 1.030,64 euros para o CE. Porén, a actual titular da praza estaría a percibir cantidades moi superiores, cun incremento salarial que roldaría o 49%, o que supón que pasaría a cobrar máis de 69.000 €, cifra que, segundo García, “non se xustifica nun concello de 2.700 habitantes” e que implicaría un salario similar ao dun director xeral e tan só 10.000 euros inferior ao do presidente da Xunta de Galicia.
O voceiro socialista tamén lembra que existe un contencioso-administrativo en curso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra os Orzamentos Municipais de 2024, que inclúen estas retribucións, e que a modificación dos importes non foi aprobada en Pleno nin comunicada aos representantes sindicais, o que podería vulnerar os principios de transparencia e legalidade.
García solicita que se restablezan os importes acordados en 2021, actualizados conforme ás subas xerais autorizadas polo Goberno, e que se dea traslado da alegación tanto ao Pleno como á Dirección Xeral de Función Pública e á Subdirección Xeral da Xunta.

