A alcaldesa de Mos estuda co novo Conselleiro, José López, importantes proxectos culturais para o municipio

adminON
Lectura mínima de 6

Destacan entre eles a terceira fase da rehabilitación da antiga Reitoral de Petelos e a posta en valor do Castro de Torroso

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse onte pola tarde en Santiago de Compostela co Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para tratar sobre diferentes temas de interese para o municipio. Entre eles figuran unha nova edición do festival infantil Canto Conto a celebrar neste ano 2024, a adquisición de material bibliográfico para a nova Biblioteca María Magdalena, un concerto folk para o vindeiro verán e a edición dun libro.

Así mesmo a rexedora local mosense e López Campos abordaron a vindeira Festa da Rosa de Mos, que se celebrará o próximo mes de xuño. Festividade de Interese Turístico de Galicia e sobre a que Arévalo e José López trataron posibles vías de colaboración entra administracións municipal e autonómica.

Conselleiro e alcaldesa tamén departiron sobre a impermeabilización do edificio Multiusos das Pozas e sobre dúas importantes obras para o patrimonio cultural e histórico do Concello de Mos, que precisarían de apoio autonómico. Tal é o caso da terceira fase da rehabilitación da antiga Casa Reitoral de Petelos e a posta en valor do Castro de Torroso.

Para a segunda fase da rehabilitación da Reitoral de Petelos a Xunta de Galicia destinou 300.000 euros.  Nesta 2ª Fase xa rematada incluiuse a posta en funcionamento de dúas naves. A superficie total rehabilitada suma aproximadamente 225m2

A antiga Casa Reitoral de Petelos é un dos edificios máis salientables deste concello e un dos máis de 700 bens de interese cultural galegos (BICs).

O edificio conta xa con diversas zonas recuperadas como a torre medieval e a edificación anexa, as dúas naves situadas ao este e ao oeste, sumando aproximadamente 225 m2. Consolidáronse e completáronse os muros existentes, creouse unha estrutura intermedia e a da cuberta, e rematouse o total da envolvente.

A antiga Casa Reitoral de Petelos é un dos edificios de máis valía patrimonial do concello de Mos. Datada do século XV e de estilo gótico, é un ben cultural catalogado polo Plan Xeral de Ordenación Municipal. Por conservar restos dunha antiga torre fortificada, é un ben propio da arquitectura defensiva coa consideración de BIC. De planta rectangular, o edificio principal amosa adosada unha torre de tres alturas. Tamén presenta un balcón voado no andar máis elevado e orientado ao sur. A fachada do edificio está enmarcada entre pilastras de orde dórica que ocupan os ángulos da edificación.

Por outra banda o Concello de Mos está a traballar nun proxecto de posta en valor do Castro de Torroso, para o que xa se realizou a compra por parte do Concello de terreos a dous particulares.

O Castro de Torroso é un dos xacementos arqueolóxicos castrexos máis antigos de Galicia.

A administración local mosense investiu na compra destes 2.000 metros cadrados preto de 16.500 euros, fixando un prezo de 8,50 euros/metro cadrado.

A superficie total do Castro é moito máis grande pero comezouse a adquisición de terreos nesta zona por ser onde xa se atopaban feitas as catas desde os anos 80 do século pasado. É dicir, trátase da parte na que as construcións castrexas xa se atopan descubertas e á vista. Estas parcelas corresponden á parte alta do Castro que é a máis cha, accesible e visitable.

No ano 2025 contémplase continuar coa compra de terreos a particulares no Castro de Torroso.

Este Castro é un dos máis senlleiros de Galicia, dos mellor estudados e dos de maior interese científico e cultural.

Na primavera do ano 1983 descubriuse fortuitamente un xacemento en Torroso, moi preto do límite con Petelos, logo de que os temporais do inverno deixasen ao descuberto fragmentos cerámicos. As características morfolóxicas e técnicas destes vestixios motivaron o inicio dunha serie de escavacións, levadas a cabo entre 1984 e 1990 por Antonio de la Peña Santos, nas que se puido comprobar que se trataba dun xacemento castrexo.

O Castro de Torroso é un dos máis senlleiros de Galicia, dos mellor estudados e dos de maior interese científico e cultural. Conta cunha extensión dunhas 2,8 ha e unha altura máxima de 137 metros que lle permiten dominar uns terreos moi aptos para o aproveitamento agrícola e forestal.

Ao nordeste desta aldea fortificada prehistórica corre un regato que lle proporcionaba auga e pesca, ao igual que o río Louro, que flúe a 1,7 km do xacemento polo leste. Este río discorre ao longo dunha parte da Depresión Meridiana, unha grande fractura xeolóxica natural que une Tui con Padrón e que constitúe un lugar de paso natural privilexiado para o tránsito de persoas e mercadorías.

No Castro de Torroso atopáronse gravados rupestres, cerámicas, obxectos líticos e pezas de metal.

Comparte este artigo