A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada polos concelleiros Leo Costas, Felisa Rodríguez e Laura Méndez, asistiu hoxe á festa do 120 aniversario de Casa Gallardo, situado no alto de Puxeiros. A rexedora quixo sumarse a unha data tan especial para os seu propietarios Waldo Rodríguez e para todo o municipio, entregándolle un agasallo conmemorativo en nome do Concello con fotos históricas do establecemento como mostra de recoñecemento a unha traxectoria que forma parte da memoria colectiva mosense.
Fundado en 1905 por Perfecto Rodríguez Casa Gallardo naceu como casa de comidas e pousada na antiga estrada nacional 120. Ao longo de máis dun século, converteuse nun referente de encontro, primeiro para viaxeiros, transportistas e traballadores desprazados, e despois para xeracións de veciños e veciñas de Mos e da súa contorna. Waldo Rodríguez Campo, neto do fundador e que estivo acompañado nesta celebración polos seus irmáns Perfecto e Manolo, é o actual responsable do local, que mantén dende sempre a súa esencia de “bar do pobo”.
A alcaldesa destacou que “Casa Gallardo é parte da historia viva de Mos. Representa o espírito emprendedor das familias que fixeron posible que un pequeno negocio se convertese nun lugar de referencia para toda a comarca, un patrimonio sentimental que debemos coidar e valorar. Desexámoslle moitos anos máis de vida, agora tamén no Novo Puxeiros, que xa está collendo forma e que pronto será unha realidade».
A celebración do 120 aniversario estendeuse durante toda a xornada con música en directo a cargo do Dueto Cámara, Os Gaiteiros do Recuncho e amigos e Los E.P. para agradecer tamén a fidelidade dos clientes, a memoria das persoas que fixeron posible este legado e a continuidade dun proxecto familiar que segue máis vivo ca nunca.