- O premio das parroquias foi para AM. A.V do barrio da Rocha na parroquia de Xinzo
- O Concello repartíu un total de 550€ en premios e vales por valor de 175€
O Concello de Ponteareas entregou os premios do concurso “Balcóns Floridos” organizado para realzar os beneficios ambientais dos balcóns como elementos vivos e implicar aos veciños da localidade no coidado e ornamentación dos balcóns e fiestras de edificios e casas.
MªC. A.F veciña da rúa Paseo Matutino foi a gañadora da segunda edición deste concurso que convida á cidadanía a construír unha vila máis fermosa e saudable. O segundo premio recaeu en MªP. M. A da rúa Vidales Tomé e o terceiro en MªA. C. R da rúa Trovador Xoán García de Guillade. O premio das parroquias foi para AM. A.V do barrio da Rocha na parroquia de Xinzo. O Concello repartíu un total de 550€ en premios e vales por valor de 175€.
Con esta iniciativa o Concello promove a participación e a implicación da cidadanía, ao tempo que fortalece o seu vínculo coa contorna urbana. “A recuperación dos balcóns non só supón unha mellora para os propietarios ou arrendatarios, senón tamén para o concello, pois incrementa o seu atractivo tanto para a cidadanía como para os visitantes. Ademais facemos que sexan parte activa en atenuar os efectos do cambio climático aumentando a vexetación e conseguindo unha maior captura do CO2, unha redución da contaminación e unha mellora da calidade de vida”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Silvia Fdez Táboas.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, adianta que seguirá apostando por proxectos como este. “O papel da vexetación, das flores, é clave neste municipio e debe ser impulsado e potenciado como argumento cultural, social e turístico”.
Ponteareas é un dos municipios que participan no movemento Vilas en Flor Galicia, que ten como obxecto a mellora ambiental, estética, social e de sustentabilidade das súas contornas municipais.
O Concello de Ponteareas contou para o desenvolvemento do concurso coa colaboración da Fundación Juana de Vega que ten por obxecto promover o coñecemento, conservación e desenvolvemento do medio rural e a paisaxe de Galicia a diferentes escalas, con especial dedicación á formación da súa poboación activa, á preservación do patrimonio natural ecultural, da súa contorna natural e humana e á mellora da da súa base económica e das actividades con ela relacionadas, entre outras.
O xurado do presente concurso estivo composto por dous (2) membros do movemento Vilas en Flor Galicia que coordina a Fundación Juana de Vega, o director da Escola Galega do Paisaxe Juana de Vega, un profesor da USC en materia de paisaxe, a Alcaldesa do Concello de Ponteareas, a Concelleira con competencia en materia de Medio Ambiente, e un técnico da área de Medio Ambiente do Concello de Ponteareas.
Entre os criterios de valoración que se estableceron a orixinalidade, o deseño e composición florística, as achegas ambientais, a sustentabilidade, o cromatismo e a durabilidade.