A Área de Autocaravanas da Marisma consolídase como referente sostibilidade en Galicia

Redacción
Lectura mínima de 3

– A área de autocaravanas da Marisma celebra o seu primeiro aniversario cunha concentración de 144 vehículos organizada pola Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), que  destaca “a calidade deste espazo”.

– Os participantes realizan esta fin de semana un completo programa turístico que inclúe visitas ao casco histórico e á illa de San Simón, un xantar de confraternidade e outras actividades cun impacto económico directo de miles de euros no comercio e na hostalería local.

A área de autocaravanas da Marisma, inaugurada na primavera do pasado ano, celebra esta fin de semana o seu primeiro aniversario cunha concentración organizada pola Asociación Galega de Autocaravanas (AGA). A cita reúne 144 vehículos e máis de 300 persoas que, ao longo de tres días, percorren os principais recursos turísticos do municipio, confirmando o éxito desta aposta pola sostibilidade e o turismo itinerante. A alcaldesa, Digna Rivas, a concelleira de Turismo, Rita Pérez acompañaron este mediodía aos participantes nun acto no que AGA agradeceu ao Concello de Redondela “a súa sensibilidade e colaboración na mellora das áreas para autocaravanas”. A presidenta da AGA, María del Mar García, trasladou ao Goberno local a “excelente valoración” que os usuarios fan do estacionamento da Marisma, destacando “a súa integración na contorna e a súa proximidade ao centro urbano”. García salientou que estas actuacións facilitan a chegada dun perfil de visitante que busca “calidade e contacto coa natureza”.

A área da Marisma conta con 7 prazas —unha adaptada— e foi creada baixo estritos criterios de sostibilidade. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, explica que se utilizaron materiais como a madeira respectouse a contorna do río. Tras doce meses de funcionamento, a infraestrutura demostrou ser un motor de atracción turística que convive en harmonía co espazo público, grazas á normativa municipal que limita a estancia a 72 horas e garante a orde no estacionamento.

Impacto económico no sector local. Esta actividade supón un importante pulo económico para Redondela. Estímase que os visitantes realizarán un gasto medio de 60 euros por persoa e día. Como mostra deste impacto, só o xantar de confraternidade que o colectivo celebra hoxe nun restaurante redondelán ascende a 6.500 euros, aos que se suma o gasto diario en comercio local, alimentación e outros servizos. O programa de actividades está deseñado para dar a coñecer a riqueza turística de Redondela aos socios e socias da AGA, que chegan de toda Galicia. Na xornada de hoxe, o grupo realizou unha visita guiada polo casco histórico e mañá domingo teñen prevista unha excursión á illa de San Simón, un dos enclaves máis emblemáticos da ría de Vigo.

Comparte este artigo