Está escrito polo baionés Julio E.Villarino Espino e ilustrado polo artista plástico lucense Álvaro Gómez Fernández
A Biblioteca Municipal de Nigrán acolle este venres 14 de marzo ás 19:00 horas a presentación do libro ‘Contos de Nigrán’, escrito polo baionés Julio E.Villarino Espino e ilustrado polo artista plástico lucense Álvaro Gómez Fernández. O acto estará presentado polo alcalde, Juan González.
O título ‘Contos de Nigrán’ é unha aposta pola divulgación infantil ubicada nunha contorna próxima aos cativos. Xoga coa realidade material das localizacións das historias mesturándoa coa fantasía dos animais animados para crear un mundo máxico. O sorprendente xogo visual das ilustracións redunda nesta idea, permitindo recoñecer moitos paraxes do Val Miñor nas imaxes baseadas en bonecos de plastilina e medios naturais do entorno. Os contos de Nigrán propugnan os valores clásicos coma a tolerancia e o respeto, fomentando ademais a estima e o aprecio pola natureza mais próxima dende a mais tenra idade.
Os beneficios de autor da obra serán donados á ONG viguesa Bicos de Papel, que colabora no coidado dos nenos con cancro infantil e no apoio para as súas familias.

