Oito novas incorporacións traballan xa a pleno rendemento en áreas como limpeza viaria, mantemento ou axuda no fogar
No Rosal, os servizos municipais collen novo pulo. O Concello incorporou este ano a 8 persoas traballadores e traballadoras á plantilla municipal ao abeiro do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, oito novas contratacións que permiten ao municipio mellorar os servizos municipais ao tempo que se dan novas oportunidades laborais a veciños e veciñas na procura de emprego.
Como salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “a incorporación destes oito traballadoras e traballadores supón un impulso fundamental para a mellora dos servizos do Concello, reforzando áreas clave como obras, limpeza viaria, mantemento ou servizos sociais, contribuíndo así ao benestar da nosa veciñanza”.
A rexedora tamén quixo destacar o impacto social positivo destas novas incorporacións, que permiten “incorporar ao mercado laboral a persoas na procura de emprego, ofrecéndolles unha experiencia profesional real, digna e útil para o seu futuro. Non só melloramos os servizos públicos, tamén axudamos a mellorar as condicións de vida das familias rosaleiras”.
A través deste plan de emprego, o Concello contratou a xornada completa a tres oficiais de obras albanel, tres peóns de limpeza viaria e roza forestal, un oficial electricista e unha persoa auxiliar para o Servizo de Axuda no Fogar. Estas novas incorporacións desempeñarán os seus labores no Rosal entre seis e nove meses, dependendo da área de contratación.
Dende o Concello tamén se quere facer un recoñecemento ao persoal municipal que traballa durante todo o ano polo seu compromiso, dedicación e profesionalidade, “un importante labor para garantir o funcionamento dos servizos públicos no noso municipio e que nestas datas convértense ademais en apoio esencial para que as novas incorporacións poidan integrarse con éxito dende o primeiro momento”.
Con estas oito novas contratacións, o Concello reafirma o seu compromiso coa mellora continua nos servizos públicos e coa creación de oportunidades para a veciñanza, avanzando cara a un Rosal cunha mellor calidade de vida.