HomeVigoNigránA biblioteca municipal de Nigrán acolle este venres a presentación do libro...

A biblioteca municipal de Nigrán acolle este venres a presentación do libro de Moncho Iglesias “Baobab”

- Anuncio -spot_img

Trátase dun ‘fopoemario’ que mestura poesia con 85 imaxes do autor nas súas estadías no continente africano

O vigués-ourensán Moncho Iglesias, autor de novelas como ‘Don Pepe’ e poemarios como ‘Pedras de Plastilina’, é traductor ao galego do gran poeta nacional palestino Mahmud Darwix

A Biblioteca Municipal de Nigrán acolle este venres 13 de xuño ás 20:00 horas a presentación do libro de Moncho Iglesias Míguez ‘Baobab’ (Editorial Tempo Galiza, 2025). Trátase dun fermoso ‘fotopoemario’ que mestura poesía con 85 imaxes das súas estadías no continente africano. O acto estará presentado por Juan González, alcalde de Nigrán.

Moncho Iglesias é vigués de Ourense (de Boborás). Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Vigo, onde realiza o doutoramento en Filoloxía Galega, cunha tese que compara os contos de tradición oral palestinos e galegos, territorio que coñece moi de preto tras ter residido durante moitos anos en Terra Santa (exerceu como profesor de español da Universidade de Belén e Nablus, o mesmo traballo que desempeñou logo na China e Bangladesh) Autor de novelas como ‘Don Pepe’, poemarios como ‘Pedras de Plastilina’ ou ‘Cheira’, é tradutor ao galego da obra do israelí Etgar Keret ‘O condutor de autobús que quería ser Deus’ (Rinoceronte, 2006) e ‘Saudades de Kissinger’ (Rinoceronte, 2011), da escolma de poemas ‘Carné de identidade’, do gran poeta nacional palestino Mahmud Darwix, e da novela de Randa Jarrar ‘Un mapa do lar’. Moncho Iglesias Míguez, actualmente profesor de secundaria en Castro Caldelas, ten viaxado por todo o mundo, adicando esta última obra súa ao continente africano.

‘Baobab’ é un paseo por África, nunha lectura das fronteiras que navegan as augas de ríos, lagos, mares e oasis, e o visionamento dunha historia contada en ladaíñas de silencios e berros. É un mapa debuxado con pasaportes que buscan visados cos que espertar de travesías deseñadas coas físgoas dos calzados que aínda non tiveron pé e, así a todo, xa confesan colleitas de insultos e adubos. A árbore que acubilla soles e chuvias cos que alimentar o futuro de moitos devanceiros non deixa de ser un ruxido e unha caricia ás meixelas que agochan sentimentos, quer dominantes quer dominados. E nese verxel arco iris que axexa os arrolos das tormentas que guían cara a outros paraísos, outras fames e outros dominios, tropezan palabras e fotografías. Por iso, as imaxes feitas palabras e viceversa evocan un continente que exacula cores, á vez que viste de loito calcañares e calcañares e calcañares esquecidos nas pegadas que deixan as ladaíñas da vida.

Publicacións Relacionadas