As actividades do “Verán Activo 2026” xa enchen de lecer, deporte e convivencia o verán de Soutomaior

Redacción

O programa municipal “Verán Activo 2026” xa está en marcha e durante os meses de xullo e agosto ofrecerá unha ampla programación de actividades para todas as idades, consolidándose como unha das principais apostas do Concello de Soutomaior para promover un lecer saudable, inclusivo e de calidade.

Tras a boa acollida da convocatoria, as primeiras actividades xa comezaron a desenvolverse nos diferentes espazos municipais, reunindo a nenas e nenos, mocidade, familias e persoas maiores arredor de propostas que combinan deporte, natureza, convivencia, creatividade e hábitos de vida saudables.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que este programa “é unha aposta por un verán vivo, no que a veciñanza poida compartir tempo de calidade, facer actividade física, coñecer novas persoas e desfrutar dos espazos públicos do municipio”. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Gonzalo Outeiro, subliñou a importancia de ofrecer unha programación diversa e adaptada ás diferentes idades e intereses da cidadanía.

O programa inclúe actividades deportivas para todas as idades, con propostas como deporte con rede, lecer deportivo, camiñadas, bailes deportivos, e actividades de aventura e no medio natural. Tamén se desenvolven actividades específicas para persoas maiores de 60 anos, centradas no envellecemento activo e no benestar integral, con iniciativas como petanca, bailes ou camiñatas.

As familias tamén contan cun espazo destacado dentro da programación, con actividades compartidas como os “Mércores en familia”, “Os venres, hai tema”, festas da escuma ou xornadas con inchables, pensadas para favorecer o encontro e a convivencia entre diferentes xeracións.

No caso da mocidade, o programa incorpora campamentos temáticos como o de surf en Razo ou o de inmersión na natureza en Valverde (Cáceres), nos que a aprendizaxe, a autonomía e a convivencia convértense en protagonistas. O de Valverde dará comezo este domingo cunha experiencia inesquecible para 50 mozas e mozos.

O Concello mantén ademais a súa aposta por un lecer inclusivo, incorporando actividades adaptadas que facilitan a participación de todas as persoas, independentemente das súas capacidades, con iniciativas específicas como “Movemento Inclusivo”, o 15 de xullo, e coa posibilidade de solicitar os apoios necesarios para garantir a igualdade de oportunidades.

En conxunto, o “Verán Activo 2026” busca dinamizar os espazos municipais mediante xogos en equipo, dinámicas sociais, deporte, aventura, contacto coa natureza e actividades que fomentan a creatividade, o benestar e a convivencia, convertendo o verán nun tempo de encontro e participación para toda a veciñanza.

Desde o Concello de Soutomaior anímase á cidadanía a participar nas actividades que aínda contan con prazas dispoñibles e a consultar toda a programación e a información actualizada a través da páxina web municipal.

Comparte este artigo