Home Pontevedra A conta xeral de Redondela reflicte a boa situación económica do Concello...

A conta xeral de Redondela reflicte a boa situación económica do Concello cun superávit de 1,7 millóns

0
3

– A conta xeral do 2024 que abala a boa xestión económica municipal cunha situación financeira “saneada e equilibrada”. O informe acredita que Redondela cumpre coas regras fiscais no exercicio económico 2024 “tanto en estabilidade orzamentaria como na regra de gasto” cun superávit de 1,7 millóns e un remanente líquido de tesourería que supera os 4 millóns de euros.

– Rivas agradece o traballo dos técnicos e técnicas do Concello “polo seu esforzo, rigorosidade e compromiso co servizo público”, e cuestiona a actitude “obstrucionista” dos grupos da oposición, xa que tanto PP como BNG votaron en contra da conta xeral “malia que as contas do Concello están saneadas e todos os informes técnicos son favorables”.

O Concello de Redondela presentou unha conta xeral do 2024 que abala a boa xestión económica municipal. Este documento “técnico, obxectivo e contable” reflicte a boa situación económica do Concello cunhas contas “saneadas e equilibradas”. O informe acredita que Redondela cumpre coas regras fiscais no exercicio económico 2024 “tanto en estabilidade orzamentaria como na regra de gasto”. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que a regra de gasto de 2024 arroxa un saldo positivo superior a 2,6 millóns de euros, o remanente líquido de tesourería supera os 4 millóns e un superávit de 1,7 millóns “o que reflicte unha situación de solvencia, liquidez e boa saúde financeira”. A marxe de cumprimento da regra de gasto é do 12’7%. Rivas sinalou que “desde o equipo de goberno seguimos traballando para poder contar cunhas arcas públicas saneadas, que permitan mellorar os servizos que se prestan aos redondeláns”. A alcaldesa lembra que, cando un Concello pecha as contas con superávit e con liquidez suficiente, isto significa que “non se gasta por riba das posibilidades, cumprimos cos principios de estabilidade financeira e garantimos que os servizos públicos se manteñen e se financian sen riscos”.

Todos os parámetros económicos son positivos. O período medio de pago a provedores rebaixouse a 25 días, o que acredita a solvencia do Concello, que cumpre o seu obxectivo de pagar en tempo e forma a todas as empresas que traballan coa entidade local. Máis aló do cumprimento da lei, o pago das facturas en prazo “favorece o emprego local, xa que os provedores do Concello son na súa maioría pemes ou autónomos”, explica Digna Rivas.

A alcaldesa agradece o traballo dos técnicos e técnicas do Concello “polo seu esforzo, rigorosidade e compromiso co servizo público”. Rivas puxo tamén de relevo a actitude “obstrucionista” dos grupos da oposición, xa que tanto PP como BNG votaron en contra da conta xeral no pleno “malia que as contas do Concello están saneadas e todos os informes técnicos son favorables”.