• Tamén saíron adiante outras mocións relativas ao cauce do río Bispo, a construción dun módulo para embarcacións de remo e outra da celebración do Ano Castelao e da Galiza Mártir
O salón de plenos de Bueu acolleu este luns, 3 de febreiro, un novo pleno da corporación ateigado de asuntos e de mocións de interese para a cidadanía. Así, aprobouse por unanimidade unha moción presentada polos tres grupos e o concelleiro non adscrito para esixir á Xunta de Galicia a convocatoria da Mesa por Ons e o apoio á veciñanza da illa bueuesa. Ademais, saíron adiante outra moción de BNG e PSOE para solicitar a Portos de Galicia que autorice a construción dun módulo no porto para embarcacións de remo, outra tamén de ambos grupos para que Augas de Galicia non modifique o actual cauce natural do Río Bispo no casco urbano, e tamén outra do edil non adscrito Daniel Chapela para a celebración do ano Castelao e do Día da Galicia Mártir.
O pleno arrancou ás oito da tarde co primeiro dos asuntos relativo á solicitude formal de subscrición de convenio con aceptación de encomenda de xestión coa Dirección Xeral do Catastro, que foi aprobado por unanimidade. Tal e como explicou Xosé Leal, concelleiro de facenda, “trátase dun convenio que é importante que actualicemos dado que así fluirá mellor a información entre as dúas administracións”.
O seguinte tema da orde do día era unha moción para a actuación no muro de Quintáns- As Albarias, un texto que fora presentado por Daniel Chapela e que el mesmo solicitou que se retirase da orde do día debido a que o Concello xa está actuando a través do informe da aparelladora municipal, e tamén por unha conversa mantida coa propiedade que xa comezou as xestións para arranxar o muro.
A continuación tivo lugar o debate sobre a celebración do Ano Castelao e o Día da Galicia Mártir. O propoñente, Daniel Chapela, instou ao goberno a promover accións de diversa índole para unirse á efeméride de Castelao e tamén a cumprir co acordado en 2018 sobre a Galicia Mártir. Dende o goberno interveu Carmen García, concelleira de cultura, quen apuntou que “o noso voto vai ser favorable, porque esta proposta xa formaba parte da planificación da propia concellaría e proba diso é o bando que aprobamos a pasada semana e as actividades que se organizarán ao longo deste ano coas que poñeremos en valor a pegada de Castelao na nosa vila”. Pola súa banda, o PP anunciou a abstención xa que “agradecemos que se siga profundando no coñecemento de Castelao pero a moción desvirtúase un pouco ao incluír o da Galicia Mártir”. A proposta foi aprobada, entón, cos votos de BNG, PSOE e do concelleiro non adscrito, mentres que o PP se abstivo.
O PP presentou unha proposta para a mellora da recollida e reciclado de podas. Segundo explicou o edil Santos Pires, o que se pretende é que se coloquen uns contedores específicos para a recollida dos restos de poda e xardinería no rural e algúns no casco urbano, coa finalidade de reducir as toneladas de verde que se envían a Sogama. Isabel Quintás, tenente de alcalde e encargada da área da xestión de residuos, descartou a proposta porque “sabemos que tanto en Moaña como en Cangas estes depósitos desbordan e incluso hai empresas de xardinería que botan aí os restos e que os colapsan”. A edil propuxo realizar algunha campaña informativa sobre a xestión destes restos pero sempre da man da Mancomunidade de Concellos do Morrazo, que é a que ten a competencia nos residuos. Así mesmo, apuntou que eses restos se poden depositar no Punto Limpo e que tamén se aposta polo préstamo de biotrituradoras “que teñen un gran éxito entre a cidadanía”. A proposta finalmente non saíu adiante ao contar soamente cos votos favorables de PP e do concelleiro non adscrito, mentres que BNG e PSOE se manifestaron en contra.
A moción de toda a corporación en apoio á asociación veciñal de Ons para esixir a convocatoria da Mesa por Ons foi aprobada, como xa se prevía, por unanimidade. Este texto foi acordado despois de que no pleno ordinario de xaneiro interviñese a representante da Asociación de Veciños e Amigos da Illa de Ons para solicitar que a corporación mediase e reclamase a convocatoria da mesa no termo municipal de Bueu nun tempo máximo de dous meses, e despois de moitos correos electrónicos enviados ás diversas consellerías e direccións xerais sen obter resposta. A moción refrenda que “dende o Concello de Bueu sempre mostramos o noso apoio incondicional e unánime ás reclamacións da veciñanza da Illa de Ons e na defensa dos seus dereitos”. Ademais, “eles e elas, os veciños e as veciñas, forman parte do patrimonio inmaterial desta illa do termo municipal de Bueu, pero foron inxustamente tratados por parte das administracións autonómicas, pois continuamente ven como os seus dereitos son infravalorados ou reducidos”.
Os grupos de goberno (BNG e PSOE) presentaron unha moción para solicitar a Portos de Galicia que autorice a construción dun módulo no porto para embarcacións de remo. Segundo explicou Xosé Leal, “na reunión que mantivemos o pasado 22 de xaneiro co presidente de Portos de Galicia xa lle expuxemos esta alternativa para que o Club do Mar Bueu poida baixar con seguridade as súas embarcacións ao mar e mostrouse favorable”. Elena Estévez, voceira do PP, reclamou que a proposta se enviase tamén á Confraría “porque o consenso non está claro e o ideal sería navegar todos no mesmo barco”. Daniel Chapela mostrou o apoio á moción, pero botoulle en cara ao goberno local que non enviase á oposición a proposta cos planos para analizala mellor. Finalmente, saíu adiante por unanimidade.
Xa máis desacordo houbo na última moción conxunta dos grupos do goberno, na que se solicita a Augas de Galicia que non modifique o actual cauce natural do Río Bispo no centro urbano. Xosé Leal defendeu que “queremos un posicionamento claro neste asunto de toda a corporación para que non se opte por esta fórmula e se manteña a canle do río de cara a que as propiedades da veciñanza non se vexan afectadas”, unha posición tamén defendida por Celso Dopazo, edil de mantemento de viais, quen fixo fincapé en que “é importante que nós marquemos unhas directrices, un punto de partida do que queremos e non queremos”. Pola súa banda, Elena Estévez apuntou que “estamos poñendo o carro diante dos bois e o ideal sería agardar á reunión con Augas”, mentres que Daniel Chapela botou en cara que non se tivese acceso á información solicitada na comisión. A proposta aprobouse cos votos favorables de BNG, PSOE e do concelleiro non adscrito, mentres que o PP se abstivo.