O deputado provincial Ricardo Martínez visitou as instalacións, onde se van investir recursos provinciais do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para atender a demanda do goberno local
O Concello de Caldas recibe este ano ao abeiro deste plan un 100% máis de recursos que na edición anterior, cando obtivo 70.000 € para a mellora das gradas e da iluminación no campo de fútbol das Corticeiras
O deputado provincial Ricardo Martínez visitou xunto co alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, o polideportivo municipal da vila onde anunciou que a Deputación de Pontevedra aprobará na Xunta de Goberno do vindeiro luns unha inxección económica de 135.000 euros para a reforma da zona dos vestiarios. Farao a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de oito millóns de euros (o dobre que na súa primeira edición) cos que a institución provincial está a transformar e modernizar os equipamentos deportivos da provincia. De feito, ao abeiro deste plan, Caldas recibirá este ano un 100% máis de recursos que na anterior edición, cando se beneficiou de preto de 70.000 euros para a mellora das gradas e da iluminación no campo de fútbol das Corticeiras.
Ricardo Martínez deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, cos que se adecuarán os espazos correspondentes á área de vestiarios, que se atopan deteriorados. Deste xeito, actualizarase o espazo ás actividades e servizos que actualmente se demandan e, aproveitando as obras, tamén se executarán uns aseos na área común. As obras a levar a cabo serán interiores, consistentes en pintado e alicatado e instalacións de fontanería e electricidade, con novos paneis LED.
“O municipalismo e o deporte son dúas das nosas prioridades, e esta actuación é unha boa mostra diso”, asegurou Ricardo Martínez, que lembrou que “a Deputación de Pontevedra está facendo un grande esforzo económico para facer fronte á dotación e o mantemento das instalacións deportivas, que son moi custosos”. Por este motivo, sinalou, “impulsamos programas como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para axudar os concellos a realizar estes labores”. O deputado provincial lembrou que “este ano temos máis recursos que nunca para o deporte, e iso responde a un modelo claro para o noso territorio” que pasa por “converter Pontevedra na provincia do deporte e no grande estadio deportivo do mundo”.