O presidente Luis López confirmou que as axudas oscilan entre os 900 e os 35.000 euros para subvencionar gastos federativos así como de competicións e adestramento, de persoal, de material deportivo e sanitarios
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o reparto de 120.000 euros para nove clubs deportivos de cinco concellos da contorna do Salnés e Arousa que participan en competicións oficiais de ámbito estatal. En total, as axudas oscilan entre os 900 e os 35.000 euros e permitiranlles subvencionar gastos federativos, de competicións e adestramento, de persoal deportivo e sanitarios. “Sentímonos moi orgullosos desta liña de axudas que foi renovada este ano para corrixir os desequilibrios que se viñan dando en convocatorias anteriores –explicou o presidente provincial, Luis López-. O obxectivo principal era distribuír os recursos dun xeito máis equitativo e coido que o temos conseguido”. Ademais, López lembrou a importancia de “apoiar a estas entidades como merecen, xa que os nosos deportistas nos referencian no mundo e os nosos clubs traballan a diario para facer realidade todos estes logros”.
En concreto, no conxunto da provincia repartiranse 900.000 euros entre 80 clubs deportivos de 25 concellos, de disciplinas como fútbol sala, balonmán, tenis de mesa, fútbol, ciclismo, natación, baloncesto, surf, tiro con arco, hóckey, orientación, esgrima, waterpolo, patinaxe, squash ou, entre outros, atletismo. Todos eles -beneficiaranse de achegas que oscilan entre os 900 e os 35.000 €, dependendo da modalidade deportiva e a competición oficial na que participen
Na contorna do Salnés e Arousa, no concello de Cambados o Club Cambados Tenis de Mesa recibe unha achega de 2.984 €; en Catoira o Kennel DEN (mushing) 1.345 €, e, en Meaño contarán con achegas a Asociación Cultural e Deportiva G.A.M. (tenis de mesa), que recibe 863 €, e a Asociación Deportiva e Cultural Asmubal Meaño (balonmán), 14.663 €. Ademais, en Sanxenxo contarán cunha achega o Atlético Villalonga Fútbol Feminino, 35.000 €, e o PC Salvamento Sanxenxo (salvamento e socorrismo), 5.792 €, e en Vilagarcía de Arousa son tres os clubs que reciben as axudas: a Agrupación Deportiva Cortegada Carril Vilagarcía (baloncesto) recibe 28.428 €, o Arosa Sociedad Cultural (fútbol) 30.000 € e o Motoclub VFM 896 €.