A carreira, que se celebra o 30 de novembro na terraza do Centro Comercial Vialia e que forma parte do Circuíto Run Run do Concello de Vigo, coincide co 40 aniversario da asociación e da loita das súas nais
As inscricións está abertas neste enlace e os cartos acadados serán destinados a un programa de intervención con persoas usuarias a través da moda
As inscricións da carreira Érguete e Corre xa están abertas. A proba que creou a Asociación Érguete vivirá o vindeiro 30 de novembro unha das súas edicións máis especiais, xa que coincide co 40 aniversario da creación da entidade e do inicio das loitas das nais fundadoras. Elas terán un peso importante dentro da serie de homenaxes que se lle están a facer este ano e recibirán e despedirán ás persoas corredoras cunha pancarta especial que confeccionaron xunto a persoas usuarias da entidade.
Será unha xornada para que corredores e corredoras ultimen as súas marcas e para axudar ás máis de 8.000 persoas usuarias que a asociación atende cada ano. As inscricións están abertas e a carreira conta con catro probas: ás 10.00 horas comeza a carreira de peques para nenos e nenas nados a partir de 2014, ás 10.55 h sairán as persoas participantes da proba de bicis e ás 11.00 h comezará a carreira de 5 k e 10 k e a andaina.
Ademais da carreira, a Asociación organizará durante a mañá varias actividades . “Haberá animación para nenos e nenas con Teatro do Ar e varias sorpresas e sorteos máis. Queremos que sexa unha festa e lembrar a loita que aquelas nais de Érguete iniciaron nos 80 e que continúa hoxe”, conclúe a coordinadora da asociación, Elvira Rivas.
Os cartos acadados durante a proba serán adicados a un innovador programa de intervención que está a desenvolver a Asociación Érguete con La Canalla para traballar coas persoas usuarias a través da suprareciclaxe, é dicir, transformar algo usado nun produto de maior valor. Tamén se destinará parte do recaudado a fortalecer outros programas de intervención dunha asociación que atende 8.000 persoas cada ano.

                                    

