HomePontevedraPP e PSOE rexeitan a liberalización da AP-9, defendida polo BNG, como...

PP e PSOE rexeitan a liberalización da AP-9, defendida polo BNG, como alternativa máis sustentábel á prolongación da A-52

- Anuncio -spot_img

Néstor Rego critica o voto en contra do PSOE á iniciativa do BNG, que procuraba unha solución máis racional e adaptada ás necesidades reais da Galiza

O deputado do BNG sinala a abstención do PP como o exemplo claro da súa incoherencia: “na Galiza defende unha cousa e en Madrid a contraria”

A iniciativa do BNG no Congreso para instar o Goberno do Estado a rexeitar o proxecto para a prolongación da A-52 contou co rexeitamento da Comisión de Transportes ante o voto en contra do PSOE e a abstención do PP. Néstor Rego, deputado do BNG encargado de defender a iniciativa, lamenta que a posición de ambas forzas estatais non permitisen reclamar a liberalización da AP-9 e carga contra o Partido Popular pola súa incoherencia, defendendo na Galiza unha cousa e a contraria en Madrid.

“O obxectivo desta iniciativa é claro: deixar sen efecto un proxecto do Goberno do Estado para ampliación da A-52 que ten un custo elevado non só económico senón social e ambiental sobre todo para as localidades do Porriño, Mós e parroquias de Vigo como Bembrive” defende o deputado do BNG no Congreso. Para Néstor Rego, segundo sinala na súa intervención, “hai alternativas mellores, máis fáciles, máis rápidas e máis baratas para resolver esa mobilidade diaria”.

Esta iniciativa do BNG, alega o deputado nacionalista, concorda co sentir maioritario da poboación dos tres concellos afectados. “Non ten sentido duplicar unha infraestrutura cando se pode optar por unha solución máis barata e do punto de vista da mobilidade máis segura e máis áxil”. Neste sentido, a iniciativa combina aforro de recursos públicos, con criterios de sustentabilidade, de mellora da mobilidade e garantindo a seguranza dos e das veciñas da zona.

“No canto de gastar centos de millóns de euros en facer unha infraestrutura que terá un impacto para a veciñanza de Mós, Porriño e Bembrive. É necesario rexeitar este proxecto e liberar a AP-9, así como mellorar os accesos e condicións da A-55 e A-52” sostén Rego.

PP e PSOE impiden a aprobación da iniciativa

A iniciativa do BNG recollía a necesidade de retirar o proxecto de trazado da A-52 entre O Porriño e Vigo, por ser innecesario, duplicar infraestruturas, e ter un elevado impacto territorial, ambiental e social. “A carteira de Transportes debe elaborar un novo estudo de alternativas, que inclúa a liberalización da AP-9 e melloras nas conexións viarias, para unha solución máis racional e sustentábel” estabelecía a iniciativa.

Do mesmo xeito, a formación nacionalista urxe axilizar as actuacións pendentes na A-55, especialmente nas zonas con maior sinistralidade, para garantir a seguridade viaria. “Todo isto, contando cos concellos e parroquias afectadas a través dun proceso de diálogo co fin de consensuar as actuacións de mobilidade necesarias de maneira participada” reivindica o deputado do BNG.

Resolver os problemas de seguranza da A-55

O deputado nacionalista defende a necesidade de solucionar a falta de seguranza viaria da autovía A-55, unha das más perigosas do Estado español, cun tramo moi sinuoso que mesmo ten tramos limitados -precisamente pola seguranza viaria- a 60 quilómetros por hora. “Paralela á A-55 vai a A-P9 onde non flúe grande densidade de tráfico. Por que esta diferenza de tránsito? Porque a AP-9 segue sendo de pago” evidencia Rego.

Publicacións Relacionadas