Pode recollerse un exemplar na casa do concello a cambio de dous quilos de alimentos non perecedoiros
A Eurocidade Tui-Valença edita un ano máis seu calendario solidario que ten por lema “A Eurocidade Tui-Valença non se sente, vívese!”. As páxinas deste almanaque de 2025 están ilustradas con fotografías de Tui e de Valença que recollen elementos patrimoniais ou paisaxes da Eurocidade.
Así a Cruz do Monte Aloia, que neste 2025 cumpre 125 anos, abre a páxina do mes de xaneiro. En febreiro é a imaxe de San Teotonio en Ganfei a que ilustra esta páxina coincidindo coa festividade, o 18 de febreiro, do que foi o primeiro santo portugués.
A capela de San Telmo en Tui é a imaxe do mes de marzo, o Miradouro de Sant’ana no Monte Faro a de abril, o palco da música de San Bartolomeu a de maio, e a ponte internacional e o río Miño a de xuño.
Unha fotografía do solpor no río Miño ocupa a páxina do mes de xullo; o carocho, barco típico do Miño, a de agosto; o Paseo da Corredoira a de setembro, e o mosteiro de San Fins a de outubro. En novembro, coincidindo co 800 aniversario da Catedral é unha vista do principal templo da cidade a que ilustra a páxina do penúltimo mes do ano. O calendario péchase cunha fotografía da fortaleza de Valença na páxina correspondente ao mes de decembro.
En Tui o calendario pode recollerse na casa do concello a cambio de dous quilos de alimentos non perecedoiros. En Valença a distribución, tamén a cambio de alimentos non perecedoiros, realízase na Câmara Municipal de Valença, na Biblioteca Municipal, nas Piscinas Municipais ou no posto de Turismo.