O Concello de Ponteareas informa de que o vindeiro sábado, día 28, celebrarase unha nova edición de Ouletea, a feira de oportunidades que, desde as 09:30 ata as 21:00 horas, encherá de vida as rúas e prazas da vila.
O concelleiro de Comercio, Ricardo González, salienta que esta iniciativa forma parte do amplo programa anual de dinamización económica que a concellería desenvolve ao longo de todo o ano. Entre as accións inclúense formación específica para comerciantes adaptada aos seus horarios e necesidades, campañas comerciais, concursos e a participación en distintas actividades culturais e sociais da localidade.
Preto de vinte establecementos sairán este sábado á rúa para ofrecer produtos de calidade con importantes descontos. As rúas Oriente e Esperanza acollerán os postos do comercio local, nos que se poderá atopar unha ampla variedade de artigos para todas as idades.
A xornada contará ademais con animación de rúa, música, concursos e premios. Ouletea está concibida como unha cita para que as familias poidan pasar o día en Ponteareas, mercando e gozando dun tempo de lecer de calidade.
Na edición pasada rexistráronse un total de 1.350 artigos vendidos, unha cifra que a Concellería de Comercio agarda superar nesta nova convocatoria.
Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, anima a toda a cidadanía da comarca a achegarse o sábado a Ponteareas, onde, ademais de mercar no popular mercadiño, estarán os postos de Ouletea con produtos do comercio local a prezos extraordinarios. O plan de sábado complétase coa ampla oferta da hostalaría da vila. “Un plan para socializar e compartir”, destacou.



