O Concello de Ponteareas continúa inmerso na celebración da Feira do Libro, unha cita na que os Xardíns da Xiralda se converten nun lugar de encontro para os amantes e curiosos da literatura, así como para as familias que desfrutan das actividades infantís organizadas no marco desta edición.
A xornada do venres comezará pola mañá, a partir das 12:00 horas, co espectáculo familiar “Os Xogos do Paporrubio, xogos para toda a familia”, patrocinado por Deleite (na rúa Rogelio Groba).
A esa mesma hora, nas casetas das librarías, estarán asinando Amara Castro, co seu libro “Malena Giestal” na caseta da libraría Terra; Alba López Paredes, co seu libro “Nandidor, la leyenda de Noa e Glesea”, na caseta da libraría Ledo; Samuel Ferro, co seu libro “A queimada das ánimas”, na caseta da libraría Uróboros; e Isabel Porto, asinando “¿Quién robó el tiempo?, na caseta da libraría Porto.
Pola tarde contaremos con máis sinaturas, pero tamén presentacións de diferentes obras. Ás 18:00 horas, na carpa de actividades, presentación de “Doce voz de megafonía”, de Xesús Constenla. Á mesma hora, nas casetas das librarías, Alba López Paredes asinará “Nandidor, la leyenda de Noa e Glesea”, na caseta da libraría Ledo e Amara Castro “Hasta siempre Malena Giestal”, na caseta da libraría Terra. Ás 18:30 horas será a quenda de Inma Soto, asinando a súa obra “Xela, aventura na fraga”, na caseta da libraría Porto.
Ás 19:00 horas, será a presentación de Ítaca, de María Besteiros (na carpa de actividades) e David Gesteira asinará “A historia de Galicia en 30 obxetos” nas casetas da librarías. Ás 20:00 horas, Neves Rodríguez presenta “Cuspindo miserias” na carpa de actividades e, ás 20:30 horas, asina os seus dous libros “Xirarei” e “Lola Feroz” na caseta da libraría Porto. A derradeira actividade da xornada será ás 21:00 horas, momento no que o escritor Pedro Feijóo presentará o seu libro “Onde nacen as bestas”.
Consulta o programa completo aquí: https://drive.google.com/file/d/1Cnwm0euFcnPfAaAfBSH40lK4pqsAn5Dl/view

