HomePontevedraO CondadoA Feira Tradicional dos Remedios do concello de Ponteareas declarada Festa de...

A Feira Tradicional dos Remedios do concello de Ponteareas declarada Festa de Interese Turístico de Galicia

- Anuncio -spot_img

Polo seu valor cultural, turístico e polo arraigo na tradición e historia rural así como pola súa continuidade no tempo a Feira Tradicional dos Remedios entrará no catálogo turístico galego

Poloseu valor cultural e turístico, polo arraigo na tradición e a historia do rural Galego e pola súa continuidade no tempo a Feira Tradicional dos Remedios foi declarada no día de onte Festa de Interese Turístico de Galicia polo Consello da Xunta de Galicia. A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, amosa a súa satisfacción por este novo logro que outorga recoñecemento e valor a esta celebración que cada ano gaña en número de participantes e visitantes.

Precisamente isto último son algúns dos factores que se teñen en conta para a súa valoración, a participación cidadá, así como a orixinalidade e a diversidade de actos e accións promocionais. “Unha vez máis Ponteareas amosa o seu potencial e capacidade para organizar eventos e accións de dinamización social, cultural, económica e turística e obtén o apoio das administracións para recoñecer o interese da nosa Feira dos Remedios”.

De acordo co previsto no artigo 93.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, a Administración da Xunta de Galicia poderá declarar festas de interese turístico de Galicia aquelas manifestacións que supoñan unha valorización da cultura e das tradicións populares e que teñan unha especial importancia como atractivo turístico, requisitos que a Feira dos Remedios demostra ter.

Edición tras edición, cada mes de setembro a Feira Tradicional dos Remedios rememora os mercados de principios do século XX e reúne nas súas prazas e rúas postos de oficios artesáns, feira do gando, postos de venda de produtos gastronómicos ou venda de artesanía que se completan cunha oferta de obradoiros, música tradicional ou actividades como as de cata de viños e degustacións de produtos locais.

“Agradecemos profundamente este recoñecemento. Seguimos avanzando e posicionándonos turísticamente, a inclusión no catálogo turístico galego supón unha maior proxección e contribuirá a que medre e se converta nun potente activo turístico e económico”.  

A concelleira de Turismo, Raquel Bautista, celebra esta declaración que premia o esforzo e iniciativa das persoas que no ano 2007 botaron a andar a primeira edición e de todas aquelas que conseguiron prolongala ata o día de hoxe. Raquel Bautista adianta que xa se traballa na vindeira edición, “volveremos ter a feira de animais con razas autóctonas fomentando o coñecemento do noso gando, os postos de artesáns volverán ás prazas, os obradoiros como o de forxa, talla de madeira ou alfarería estarán de novo presentes así como as catas de viño e as degustacións de produtos locais”.

Publicacións Relacionadas