Homenaxeouse aos expresidentes Manuel Fresco Reboredo, Basilio Somoza Calvar, Francisco Fernández Crende, Francisco Casal Calvar, Santiago Dios Otero, Alberto Blanco Portela, Francisco Iglesias Acuña, Cándido Rosendo Calvar, Manuel Regueiro Costas, Marcelino Arosa Amoedo, José Collazo Corbacho, Jorge Fernández Vera, José Lois Calvar e Manuel Blanco Portela
Hubo un agradecemento especial para Juan Pena, compositor da música do Himno que foi presentado ao inicio da Gala.E unha homenaxe especial a Manuel Blanco Portela polo seu recente e repentino falecemento
Broche final con dJ Roquiño e DJ Camarón
Adxunto comunicado elaborado pola directiva da SCD San Adrián e unhas fotos da xornada de onte
A Sociedade Deportiva e Cultural San Adrián celebra 50 anos de historia e compromiso coa comunidade
San Adrián de Cobres viviu este fin de semana unha xornada inesquecible coa celebración do 50º aniversario da Sociedade Deportiva e Cultural San Adrián, un evento cheo de emoción, memoria e unión con todas as persoas que marcaron a súa pisada no club.
A celebración tivo lugar no adro da Igrexa de San Adrián, espazo simbólico da parroquia, e contou coa presenza de socios, exsocios, autoridades locais, xogadores/as, ex-xogadores/as, familiares, veciñanza e amizades da entidade, que se xuntaron para conmemorar cinco décadas de deporte, cultura e valores comunitarios compartidos.
Fundado en 1975, o SDC San Adrián consolidouse como un verdadeiro piar na formación de mozos e mozas, na promoción do espírito deportivo e na dinamización social e cultural de Vilaboa. Ao longo destes 50 anos, o club medrou da man da súa xente, converténdose nun espazo de encontro, inclusión e desenvolvemento para todas as xeracións.
Un dos momentos da xornada foi a presentación oficial do novo himno do club, composto especialmente para esta histórica ocasión. A letra, escrita por Carlos del Río, actual presidente, xunto co músico Juan Pena, quen tamén o interpretou en directo, foi recibida con gran emoción polo público. A canción recolle a alma do club: loita, pertenza e orgullo.
Durante o acto institucional rendéronse homenaxes aos fundadores, expresidentes, organismos públicos e figuras destacadas da traxectoria do club. Tamén se fixo unha sentida lembranza a Manolo Blanco Portela, expresidente e socio da entidade, falecido recentemente nun accidente, cuxa memoria estivo moi presente en todo momento.
Os asistentes puideron gozar dunha proxección audiovisual sobre a historia do club, dunha exposición de trofeos, discursos conmemorativos, e dunha comida popular que deu paso a unha tarde festiva e participativa.
Outro dos momentos destacados foi o sorteo de donativos cedidos por empresas da parroquia, un xesto de grande xenerosidade que desde o club se agradeceu fondamente: “Temos moito que agradecer ás empresas locais polo seu apoio e implicación. Estes detalles son os que fan comunidade”, sinalaron desde a organización.
A festa continuou cunha queimada tradicional galega, chea de simbolismo e participación, e cun minifestival no que actuaron varios artistas, animando a tarde cunha variada oferta musical e cultural.
O peche da xornada foi por todo o alto, cun concerto nocturno que rematou ás 12 da noite, poñendo broche de ouro a unha celebración que quedará na memoria colectiva de San Adrián de Cobres.
Desde a SDC San Adrián queremos agradecer de corazón a todas as persoas, entidades e empresas que fixeron posible esta gran celebración. Con ilusión renovada, reafirmamos o noso compromiso de seguir creando comunidade, promovendo valores e sendo un espazo de crecemento para todas as xeracións.