HomePontevedraCaldasA Gala do Chapante inicia oficialmente a XXVI Festa do Lacón con...

A Gala do Chapante inicia oficialmente a XXVI Festa do Lacón con Grelos de Cuntis con moito humor e un recoñecemento á da hostalaría

- Anuncio -spot_img
  • O Cubreiro e A Tenda da Ponte foron os dous establecementos homenaxeados este ano, por manter viva a tradición deste sector no rural e pola súa aposta pola lingua galega, respectivamente
  • O alcalde, Manuel Campos, e o director xeral de Política Lingüística, Valentín García, fixeron entrega dos obsequios aos responsables destes locais, nun acto no que a figura máis emblemática do Entroido local deu a coñecer o seu atuendo, en chave de igualdade

  • co gallo do 8M, deseñado por integrantes dos programas municipais CuntisXove e Habilitas e coordinado pola educadora social María Rodríguez Cortizo
  • A XXVI Festa Gastronómica do Lacón con Grelos de Cuntis viviu na noite deste venres a súa primeira xornada grande do emblemático evento, nun ateigado Centro Sociocultural Patelas, onde se desenvolveu a tradicional Gala do Chapante. Foi un acto non que non faltaron o humor, a orixinalidade e o recoñecemento ao sector hostaleiro, representado neste caso nos responsables dos establecementos A Tenda da Ponte e O Cuberto, galardoados pola súa aposta pola lingua galega e por manter viva a tradición no rural, respectivamente. O feito de homenaxear a dous locais diferentes foi unha das grandes novidades desta edición con respecto a anos anteriores.

Ao evento asistiu o alcalde, Manuel Campos, que foi o encargado de facer entrega dos obsequios aos premiados, xunto ao director xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García. No caso de A Tenda da Ponte, o rexedor cuntiense lembrou que o seu propietario, Javier Barreiro, leva toda unha vida adicada á hostalería e que sempre apostou por nomes galegos para os diferentes locais que rexentou, reividicando a importancia da nosa lingua. “Preservar o noso idioma é a mellor herdanza que podemos deixar ás vindeiras xeracións”, destacou Campos Velay. En canto a O Cuberto, recolleu a distinción o seu propietario, José Antonio González, a quen o alcalde agradeceu a súa profesionalidade e esforzo, que “mantén viva a tradición deste tipo de establecementos hostaleiros no rural”.

A velada estivo amenizada pola compañía de teatro Chumpá, que ofreceu un espectáculo no que cuestións como a vivenda ou a intelixencia artificial foron tratadas con moito humor e retranca. En canto ao Chapante, a figura por excelencia do Entroido cuntiense, un ano máis o seu ‘vestiario’ foi elaborado pola rapazada do Espazo CuntisXove e integrantes do Programa Habilitas, dirixido a persoas con discapacidade. Un gran traballo que estivo coordinado pola educadora social María Rodríguez Cortizo. Nesta ocasión, o Chapante conta cun deseño reivindicativo e en favor da igualdade, ao coincidir esta festa cos actos do Día Internacional da Muller.
A Festa do Lacón con Grelos continúa este sábado con animación musical e con outro dos grandes atractivos da programación, como é a actuación do grupo de música electrónica OBK, na carpa desde as 22.00 horas. Previamente, o grupo invitado Igloo irá quecendo motores cun concerto desde as 21.00 horas. A troula prolongarase ata altas horas da madrugada co Guatequelacón.

O domingo, o protagonismo será para a degustación gastronómica, nunha xornada na que se prevé recibir a milleiros de persoas, tanto na propia carpa como nos diferentes establecementos de hostalería da vila.

Publicacións Relacionadas