- ESTA COMPETICIÓN E A SÚA ENTREGA DE PREMIOS NAS CATEGORÍAS XS, S, M, I E L CLAUSURARON ONTE A CITA
- ORGANIZADO POLA ASOCIACIÓN GALICIAN AGILITY FESTIVAL (GAF) E A EMPRESA GALICAN SPORT, O EVENTO CELEBROUSE DENDE O PASADO MARTES ATA ONTE POLA TARDE NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
A Galican Agility Cup finalizou onte tras cinco días nos que a competición de agility de alto nivel se uniu con interesantes actividades formativas centradas neste deporte canino.
Este evento itinerante, un dos máis importantes e esperados do mundo do agility, reuniu desde o pasado martes a 315 binomios (can e guía) de 22 países, supoñendo a primeira quíntupla (cinco días de competición) en territorio galego. Unha cita sen precedentes na Comunidade que tivo como escenario o recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda (Pontevedra) e estivo organizado pola asociación Galician Agility Festival en colaboración coa empresa galega de obstáculos para agility Galican Sport. Firma que foi ademais a principal patrocinadora e á que se uniron como sponsors Mopik, Acandemy, Barklies e Yowup. A estas empresas, xunto á Fundación Semana Verde de Galicia, a organización agradeceu enormemente a súa colaboración, por considerar que “sen eles un evento destas dimensións sería imposible de realizar”.
Na parte formativa, na Galican Agility Cup realizáronse cinco seminarios impartidos por recoñecidos nomes deste deporte canino, como son a agilitista alemá Dani Fischbach, a francesa Kim Barreau, a italiana Verónica Odone e o español Adrián Bajo, actual campión do mundo de agility en categoría “large”.
Respecto á competición, os binomios participantes enfrontáronse estes días en diversas probas puntuables para o campionato de España nas categorías XS, S, M, I e L, sendo avaliados por catro xuíces top a nivel mundial como son a alemá Stefannie Semkat, o sueco Jocke Tangfelt, o canario Héctor Ramírez e o suízo Philipp Glur.
Do total de participantes, os vencedores de cada categoría en graos 2 e 3 obtiveron un pase para a Gran Final Galican Agility Cup, do mesmo xeito que o gañador en cada categoría nos xogos das Galican Challenges celebradas no evento. Uns clasificados que ascenderon a 85 e se enfrontaron onte pola tarde nesta gran final.
Gañadores da Copa Galican
A Gran Final Galican Agility Cup, que supuxo o peche do evento, repartiu premios en produtos da empresa Galican Sport cun valor de 15.000€ entre os 15 binomios que subiron ao pódium.
En categoría XS os vencedores foron Andrea Ferro e o seu can Tsunami, do club Thunderdogs, de Pontevedra, mentres que na S gañou o binomio conformado por Pau Serrano e a súa cadela Adrenalina, do club Zarajump, de Zaragoza.
En categoría M as gañadoras foron Sophie Rosenberger e a súa cadela Livi, de Austria, á vez que na I o pódium encabezárono Adrián Bajo e a súa cadela Drive, do club Do It, de Madrid. En categoría L, venceron Gonçalo Silva e o seu can Marley, de Portugal. Respecto á competición por equipos, o primeiro posto foi para o club Zarajump, de Zaragoza.
No acto de entrega de premios, ademais de membros da Galician Agility Festival, participaron a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández; o concelleiro de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Manuel Requeijo; a concelleira de Benestar Social, Ángela Troitiño; o xerente da empresa Galican, Jaime Otero; e en representación da Fundación Semana Verde de Galicia, Susi Abeledo.