O concello da Guarda presenta a súa campaña polo 25N baixo o lema “Mans que se unen, voces que non calan contra as violencias machistas”

Redacción

O Concello da Guarda presentou esta mañá na Casa dos Alonso a campaña con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

No acto participaron o alcalde da Guarda, Roberto Carrero; a concelleira de Igualdade, Susana Álvarez; a concelleira de Política Social, Mª Isabel Guisande; e a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Yolanda Villaverde, acompañados polas mulleres participantes e a profesora dos obradoiros “Quérome, cóidome”, encargadas de elaborar a pancarta que protagoniza a campaña deste ano.

A pancarta presenta o lema “Mans que se unen, voces que non calan contra as violencias machistas”, acompañado polas ilustracións das diferentes mans das mulleres participantes nos obradoiros. Unha imaxe colectiva que simboliza a unión e o compromiso compartido na loita contra todas as formas de violencia machista.

Os obradoiros “Quérome, cóidome” celebraron este ano a súa quinta edición, desenvolvéndose na Gándara e Camposancos. A través desta iniciativa búscase fomentar o autocoidado, o benestar e o empoderamento das mulleres, ao tempo que se crean espazos de encontro e participación.

Con esta campaña, o Concello da Guarda quere facer fincapé na necesidade de derrubar os muros do machismo no día a día, apostando pola concienciación e a educación como ferramentas fundamentais para avanzar cara a unha sociedade igualitaria e libre de violencias machistas.

Neste sentido, dende o CIM da Guarda trabállase para impulsar iniciativas de sensibilización e prevención durante todo o ano, máis alá das datas sinaladas no calendario. Este labor inclúe diferentes obradoiros e actividades dirixidas tanto á poboación adulta como á infancia e á mocidade, así como accións específicas nos centros educativos.

Entre estas iniciativas destacan o programa “Música e muller”, que desenvolveu actividades dirixidas ao alumnado, ás familias e ao profesorado; os obradoiros de sexualidade, destinados ás crianzas de Educación Primaria e tamén ás súas familias e docentes; e outras propostas de formación e sensibilización orientadas a promover a igualdade, o respecto e a prevención das violencias machistas dende idades temperás.

Durante a presentación tamén se adiantou que o vindeiro mércores, 25 de novembro, ás 12:30 horas, a Casa dos Alonso acollerá a lectura do manifesto institucional nun acto público e aberto a toda a veciñanza. A convocatoria contará tamén cun acompañamento musical a cargo dun cuarteto do Conservatorio de Música da Guarda.

Comparte este artigo