- As obras na zona da Atalaia xa deron comezo e avanza a bo ritmo
A zona multideportiva da Atalaia está a sufrir grandes cambios nas últimas semanas. Tras a renovación da varanda, a pìsta multideportiva está a ser completamente renovada, con canastras e porterías novas que están sendo instaladas.
Ademais, ao seu lado, estase a construír un novo circuito de pumptrack cunha extensión de aproximadamente 250 metros cadrados. Alí poderase practicar deportes sobre rodas como o skate, longboard, patíns, patinetes, bmx, mtb, entre outros.
Deste xeito, integrarase ás demais infraestruturas existentes e ampliará a oferta deportiva municipal. Agárdase que a zona multideportiva se poda desfrutar completamente a comezos do mes de agosto.
O alcalde, Roberto Carrero, destacou que “o circuito de pumptrack é parte do proxecto de rehabilitación integral deste espazo polideportivo, que busca fomentar o deporte entre a xuventude guardesa”.
Este proxecto conta co apoio do Plan de Infraestructuras Deportivas da Deputación de Pontevedra, cunha aportación de 60.000 euros para a pista de pumptrack e de 75.000 euros para a a rehabilitación do resto de pistas da zona da Atalaia.