A Oficina de Turismo de Soutomaior bate o seu récord histórico de visitantes por cuarto ano consecutivo e supera as 28.800 atencións

Redacción

O servizo municipal incrementa case un 20 % os datos do pasado ano e consolídase entre os cinco puntos de información turística máis visitados da rede Info RíasBaixas

A Oficina de Turismo de Soutomaior pechou a tempada 2026 cun novo récord histórico de visitantes. Por cuarto ano consecutivo, o servizo municipal superou as cifras de atención do exercicio anterior e alcanzou un total de 28.814 persoas atendidas, case un 20 % máis que en 2025, cando xa se rexistrara a maior afluencia da súa historia con 24.278 visitantes.

Estes resultados consolidan Soutomaior como un dos principais puntos de información turística da provincia de Pontevedra. A evolución dos últimos anos reflicte o importante crecemento da actividade: das 631 persoas atendidas no verán de 2022 pasouse ás máis de 28.800 desta última tempada.

A oficina abriu as súas portas o pasado 1 de abril, quince días antes que no exercicio anterior, e mantivo o servizo ata o 15 de outubro, ampliando así o período de atención para dar resposta á demanda turística desde Semana Santa ata o outono. Foi, ademais, o ano con maior número de visitantes e con máis tempo de apertura.

A concelleira de Turismo, Silvia Cernadas, destacou que «os datos demostran que a nosa Oficina de Turismo xa está consolidada como un dos principais puntos de información turística da provincia». A edil quixo agradecer tamén «o enorme traballo diario das técnicas da oficina, Mónica e Emma, que son fundamentais para ofrecer unha atención de calidade ás persoas que nos visitan».

O perfil das persoas usuarias está moi vinculado ao Camiño Portugués de Santiago. A maioría son peregrinas e peregrinos que visitan por primeira vez a provincia de Pontevedra. A procedencia é maioritariamente internacional, agás nos meses de xullo e agosto, e abrangue máis de 70 nacionalidades diferentes. Estados Unidos, Portugal e Alemaña son os países máis habituais, aínda que tamén destaca a presenza de visitantes de Latinoamérica e Asia.

Durante os meses de verán predominan os grupos de peregrinos procedentes doutras comunidades españolas, especialmente de Andalucía, Madrid e Valencia. Pola contra, o visitante internacional adoita viaxar en grupos reducidos ou individualmente. Outro dato destacado é que arredor do 60 % das persoas atendidas son mulleres.

Setembro foi o mes de maior afluencia, seguido de xullo e xuño. Estes datos confirman tamén o efecto desestacionalizador do Camiño de Santiago, que mantén a actividade turística máis alá dos meses centrais do verán. De feito, a previsión a partir dos datos da primeira quincena sitúa outubro como o segundo mes con maior número de atencións, só por detrás de setembro.

Desde o Concello destacan tamén o aumento das persoas que deciden pernoctar en Soutomaior, unha tendencia especialmente positiva para a economía local. Neste sentido, Silvia Cernadas sinalou que «é unha magnífica noticia que, grazas ao traballo de todas e todos, esteamos conseguindo un maior nivel de pernoctacións no concello». A concelleira agradeceu expresamente a implicación dos establecementos de aloxamento e dos comercios «polo seu nivel de fidelización e especialización no ámbito xacobeo».

A edil incidiu en que o obxectivo municipal vai máis alá de ofrecer información turística: «Non queremos unicamente atender as persoas que chegan a Soutomaior, queremos conseguir que a súa experiencia sexa tan boa que queiran volver, que repitan e que recomenden Soutomaior como destino turístico».

A calidade do servizo está avalada pola súa integración na rede de oficinas Info RíasBaixas, que lle permite ao Concello acceder a recursos e liñas de apoio, como a subvención de 7.000 euros para a contratación de persoal. Ademais, a oficina conta co distintivo de calidade turística SICTED, outorgado no marco do programa da Secretaría de Estado de Turismo.

O crecemento da actividade turística ten tamén unha repercusión directa na economía do municipio, ao favorecer o consumo no comercio, na hostalaría e nos distintos servizos vinculados ao sector. Unha evolución que reforza o papel do turismo como motor de dinamización económica e promoción de Soutomaior durante todo o ano.

Comparte este artigo