A Xunta impulsa en colaboración co xeodestino Costa da Morte a instalación de contadores de visitantes en distintos recursos do territorio

Redacción
  • O director de Turismo de Galicia visitou o Castelo de Vimianzo onde está instalado un deles que contabilizou desde o 9 de outubro 2.300 visitantes, cunha media de 95 persoas diarias
  • A colaboración inclúe a instalación de tres dispositivos máis noutros concellos do xeodestino así como outras actuacións de promoción turística
  • Costa da Morte recibiu ata setembro un 13,4% máis de viaxeiros que no mesmo período de 2025, mentres que o turismo internacional medrou un 24,7%

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou esta mañá o Castelo de Vimianzo onde xa está en funcionamento o primeiro dos contadores previstos no marco do convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e a Costa da Morte Asociación Turística (CMAT). Xosé Merelles, puxo en valor os sistemas de medición de visitantes para avanzar cara a unha planificación turística baseada en datos reais, que permita coñecer mellor os fluxos de persoas, anticipar os momentos de maior afluencia e adaptar a xestión dos recursos ás necesidades de cada destino.

O dispositivo instalado no Castelo de Vimianzo contabilizou máis de 2.300 visitantes desde a súa posta en funcionamento, o pasado 9 de outubro, cunha media diaria de 95 persoas. O sábado 10 de outubro rexistrouse o maior volume de afluencia, con máis de 200 entradas. Os primeiros datos tamén permiten identificar unha maior concentración de visitantes durante as fins de semana: o domingo representa aproximadamente o 22% dos rexistros e o sábado o 20%.

O director de Turismo de Galicia salientou que esta información permite ir máis alá das estimacións e dispoñer dunha ferramenta obxectiva para coñecer o comportamento dos visitantes. “Trátase de anticiparnos ás necesidades e de procurar un equilibrio entre a actividade turística, a conservación do patrimonio e a calidade de vida da poboación local”, destacou.

Xosé Merelles incidiu en que os datos facilitarán que as administracións e o sector turístico poidan axustar cuestións como os horarios, os servizos, a sinalización, os aparcadoiros ou as accións de promoción, ademais de dimensionar os investimentos en función da utilización real dos diferentes recursos. A información tamén permitirá analizar a estacionalidade e detectar posibles picos de afluencia, contribuíndo a distribuír mellor as visitas polo territorio.

O contador do Castelo de Vimianzo é o primeiro dun sistema de catro dispositivos inicialmente previstos para 2026 na Costa da Morte. Xunto ao xa instalado, o proxecto contempla a colocación doutros, dos cales outro localizarase no Concello de Laxe, así como actuacións noutros puntos do territorio.

Neste sentido, o director de Turismo de Galicia tamén destacou o traballo desenvolvido pola CMAT para impulsar a cooperación entre os concellos e os axentes turísticos da Costa da Morte, así como para dotar o destino de ferramentas que melloren a súa xestión.

Incremento de viaxeiros e demanda

Esta iniciativa desenvólvese nun contexto de crecemento da actividade turística na Costa da Morte. Segundo os datos dispoñibles ata setembro deste ano, o destino rexistrou 136.321 viaxeiros, un 13,4% máis, e 286.772 noites, cun incremento do 9,1%. A estadía media situouse en 2,10 noites, mentres que a rendibilidade do sector medrou un 16,9%.

O crecemento tamén se reflicte na evolución dos mercados: os viaxeiros nacionais aumentaron un 8,7%, ata os 92.349, mentres que os internacionais medraron un 24,7%, ata alcanzar os 43.974.

“Nun destino que está a experimentar un crecemento da demanda e unha maior presenza de visitantes internacionais, resulta especialmente importante contar con instrumentos que nos permitan coñecer como se distribúen as visitas e cales son as necesidades de cada recurso. A planificación turística ten que apoiarse cada vez máis na información e na colaboración co territorio”, sinalou Xosé Merelles.

Comparte este artigo