A oficina técnica do PXOM atendeu a máis de 1.300 veciños e veciñas

adminON
Lectura mínima de 5
  • Desde que se abriu a exposición pública o PXOM a oficina técnica atendeu a máis de 1.300 veciños e veciñas que puideron facer as súas consultas e recibir asesoramento. Ata o próximo venres a oficina seguirá aberta na rúa Reveriano Soutullo.
  • O concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, explica que o goberno local ampliou o prazo de exposición e os días de atención ao público “xa que o contrato feito en 2015 polo anterior goberno de Javier Bas só establecía 2 meses de prazo e 2 días de atención ao público por semana”.
  • Cabaleiro lembra que foi en 2018, co goberno local do PP, cando se abriu o proceso de consulta pública sobre o borrador do plan “e para presentar observacións ou suxestións había que dirixirse á web da Xunta, facelo por fax ou desprazarse a Santiago, sen que se facilitasen medios para que a veciñanza puidera facer estes trámites”.

Redondela, 18 de xuño de 2024. O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Redondela está na recta final da súa exposición pública. O prazo, que comezou hai tres meses, remata o próximo 21 de xuño. A día de hoxe a oficina técnica de información atendeu a 1.350 veciños e veciñas que puideron facer as súas consultas e recibir asesoramento. Ata o próximo venres a oficina seguirá aberta na rúa Reveriano Soutullo, en horario de 14.00 a 20.30 horas mañá mércores, e de 8.30 a 14.30 o xoves e o venres.
O concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, sinala que o Plan Xeral de Ordenación Municipal é un documento moi complexo, por iso desde o goberno local fíxose un gran esforzo “para poñer a disposición da veciñanza todos os recursos posibles e que coñezan o plan, que teñan toda a información e poidan facer as súas alegacións”. Lembra o edil de Urbanismo que foi o goberno popular de Javier Bas o que realizou os pregos para contratar a redacción do PXOM en 2015, e nese contrato “só se establecían dous meses de exposición pública, e só dous días á semana de atención á cidadanía na oficina técnica”. Co obxectivo de mellorar a información á veciñanza, desde o actual goberno de Digna Rivas “ampliamos a tres meses o prazo de exposición pública que é o máximo que nos permite a Lei do Solo de Galicia, e fixemos un novo contrato para atender ao público na oficina técnica todos os días da semana”. Outra mellora foi a contratación dun visor dixital na páxina web do Concello, onde se poden buscar as parcelas de todo o municipio “dun xeito cómodo e cun funcionamento sinxelo e intuitivo”. Cumprindo co compromiso da alcaldesa, Digna Rivas, tamén se realizaron reunións informativas en todas as parroquias, que non estaban contempladas no anterior contrato, “para informar aos veciños de como o PXOM afecta a cada parroquia”.
Por outra banda, Cabaleiro sinala que o goberno local e el mesmo como edil de Urbanismo reuníronse con todos os colectivos e asociacións que así llo solicitaron, “incluída a Asociación de Empresarios, e lémbrolles que son concelleiro do grupo municipal socialista”.
O edil sinala que foi en 2018, co goberno local do PP, cando se abriu o proceso de consulta pública sobre o borrador do plan urbanístico. En pleno verán, de mediados de xuño a mediados de agosto, o goberno de Javier Bas explicaba que “para presentar observacións ou suxestións ao borrador os cidadáns tiñan que dirixirse á web da Xunta, facelo por fax ou desprazarse a Santiago, e non se facilitou ningún medio para que a veciñanza puidera facer estes trámites”, sinala Cabaleiro.

Solo Industrial
O edil de Urbanismo explica que o planeamento urbanístico está condicionado ás directrices que establece a Xunta de Galicia na Lei do Solo. Tamén as propias características do municipio limitan o uso do territorio. Redondela presenta un orografía moi irregular, con alternancia de elevacións e depresións do terreo, “o que condiciona o seu desenvolvemento”. Outra particularidade de Redondela é que ten afeccións de numerosas infraestruturas: a Autoestrada do Atlántico (AP-9), as estradas N-550, N-552 e N-555, o aeroporto de Peinador e as liñas de ferrocarril. Todos estes condicionantes “cunha orografía complexa e as afeccións de múltiples infraestruturas impiden establecer grandes áreas industriais no municipio”, conclúe Antonio Cabaleiro.

Comparte este artigo