A Policía Local de Mos vén desenvolvendo, no que vai de ano 2025, diversas actuacións destacadas no ámbito da seguridade viaria e cidadá.
No eido da seguridade cidadá, na última semana realizáronse importantes intervencións:
A detención dun varón de 45 anos sobre o que pesaba unha orde de ingreso en prisión emitida polo Xulgado do Penal Nº1 de Pontevedra. Tras unha investigación para determinar o seu paradoiro, foi localizado e detido para o seu inmediato ingreso en prisión.
Destaca tamén a detención, en colaboración coa Garda Civil, dun varón de 52 anos cunha orde de detención e personación emitida por un Xulgado de O Porriño.
A cooperación entre a Garda Civil e a Policía Local de Mos é estreita, con fluxo constante de información e dispositivos conxuntos, facendo valer o principio de colaboración recíproca recollido na Lei de Forzas e Corpos de Seguridade.
Por outra banda, en materia de seguridade viaria, a Policía Local retirou este ano máis de vinte tarxetas de estacionamento para persoas con discapacidade por uso irregular, como o emprego por persoas non autorizadas ou cando o titular xa falecera. Destas tarxetas retiradas dúas remataron na instrución de dous delitos de falsidade documental polo uso de copias ou falsificacións de tarxetas orixinais. Estes usos indebidos prexudican ás persoas que fan un correcto uso do seu dereito e que, en ocasións, non poden ocupar as prazas reservadas por estaren ocupadas indebidamente.
Así mesmo, nos últimos dous meses instruíronse catro delitos contra a seguridade viaria por superar as taxas de alcoholemia establecidas no Código Penal, dous delitos por negativa a realizar as probas legalmente establecidas ou por conducir con perda de vixencia do permiso, e outro caso conxunto coa Garda Civil no que un condutor foi interceptado baixo a influencia do alcohol e negouse posteriormente a realizar as probas correspondentes.
O Concello de Mos quere poñer en valor o traballo diario da Policía Local, así como a coordinación permanente coa Garda Civil, para garantir a seguridade e benestar de toda a veciñanza.