A xornada, que comezará ás 17:00 horas, combinará realidade virtual, testemuños, un mural colaborativo e un photocall.
A rehabilitada Praza de Abastos de Oia acollerá o vindeiro venres 30 de outubro, a partir das 17:00 horas, a xornada EVOCAMIÑO, unha iniciativa cultural enmarcada no programa O teu Xacobeo, promovida pola empresa tecnolóxica INSATI coa colaboración de AFAGA Alzheimer.
A través de imaxes, vídeos inmersivos e testemuños persoais, EVOCAMIÑO propón unha viaxe polas paisaxes, as lembranzas e as historias das persoas que percorreron o Camiño ou manteñen unha estreita vinculación con el. A actividade, aberta ao público xeral, reúne diferentes experiencias que permiten achegarse ao patrimonio cultural e humano do itinerario xacobeo desde unha perspectiva innovadora e participativa.
Un dos principais atractivos da xornada será a experiencia de realidade virtual, na que as persoas asistentes poderán explorar, mediante lentes de realidade virtual e contidos en 360°, lugares emblemáticos de seis municipios vinculados ao Camiño: Oia, A Guarda, Baiona, Vigo, O Porriño e Tui.
Esta proposta permitirá descubrir diferentes paisaxes e espazos patrimoniais a través dunha experiencia inmersiva.
A memoria das persoas tamén terá un papel protagonista. Mediante a proxección de testemuños, o público poderá coñecer relatos e vivencias de persoas vinculadas ao Camiño, recuperando historias que forman parte da identidade e da memoria colectiva do territorio. Unha oportunidade para descubrir que, máis alá dos seus percorridos e monumentos, o Camiño é tamén un espazo de encontros, emocións e experiencias compartidas.
A participación do público completarase cun obradoiro creativo de cunchas do Camiño, no que as persoas asistentes poderán achegarse ao simbolismo dun dos emblemas máis representativos da peregrinación a Santiago a través dunha proposta artística e participativa inspirada na memoria e na identidade do itinerario xacobeo.
Ademais, habilitarase un photocall, no que as persoas participantes poderán levar unha fotografía como lembranza da xornada, acompañada dun chaveiro inspirado no Ano Xacobeo. A xornada concluirá cun pequeno convite de pinchos e, se as condicións meteorolóxicas o permiten, arredor das 18:30 horas, as persoas asistentes poderán gozar do solpor desde a terraza do lugar

