A Suba de prezos pon en risco a sustentabilidade e o futuro da piscina municipal

adminON
Lectura mínima de 4

O BNG de Sanxenxo teme que o incremento de prezos, que  afecta tanto á veciñanza como a persoas empadroadas noutros concellos, reduza o número de usuarios e usuarias 

Fran Leiro acusa a Telmo Martín de tratar de debilitar o  servizo e non optimizalo, o que podería dar pé a unha  redución de persoal 

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo advirte de que o encarecemento de prezos da  piscina municipal pon en risco “a sustentabilidade e o futuro” desta  prestación. Así de contundente se amosa o voceiro do grupo da  oposición, Fran Leiro, que recorda que todas e todos os usuarios terán  que facer fronte a incrementos como o de cota de inscrición, que pasa  de 10 a 15 euros, e que este aumento o notarán especialmente as  persoas doutros concellos á hora de contratar bonos de 15 pases. Estes  pasarán dos 33 euros actuais a mais de 45. “Son prezos que levaban  sen actualizarse desde hai máis dun lustro e que, probablemente, terían  sido moito máis asumibles de telos feito de xeito paulatino”, lamenta  Leiro. 

O Bloque ten claro que Telmo Martín non ten coma obxectivo optimizar  este servizo, senón máis ben “o acabará por debilitar”, o que podería  dar pé a reducción persoal. Neste sentido, Fran Leiro, que  recentemente mantivo unha reunión con varios traballadores e  traballadadoras das instalacións, alerta de que a día de hoxe  aproximadamente o 40% das usuarias e usuarios do ximnasio e da  piscina de Baltar son veciños e veciñas doutros concellos. “Non hai un  plan establecido, o Goberno do Partido Popular aplica unha suba 

elevada dos prezos e dá por feito que non se rexistrarán baixas. E iso é  moito supoñer, porque haberá que ver canta xente pode facer fronte a  unha suba que non só afecta aos bonos, senón tamén ás inscricións dos  cursos”, engade Leiro. En caso de que se produza un descenso de  inscricións, “o desfase entre o gastos e os ingresos podería ser aínda  maior”, sinalou o voceiro do BNG. 

Desde o Bloque tamén se acusa a Telmo Martín de non amosar un  interese real á hora de optimizar e mellorar o servizo. “A día de hoxe  súbense os prezos para facer uso dunhas instalacións que están mal  illadas, teñen vías de auga e que carecen de luminaria LED, utilizándose  aínda os alóxenos”, denuncia Fran Leiro. Neste sentido, o voceiro  nacionalista insta ao Goberno do Partido Popular a que aclare as razóns  polas que o Concello non está a xestionar axudas económicas, a través  de Fondos Europeos, para a mellora da eficiencia enerxética da piscina.  “Existen varios programas dos que estas instalacións deportivas se  poderían beneficiar, pero o único que fixo Telmo Martín nos últimos  anos na piscina foron uns traballos de chapa e pintura en plena  pandemia, sen ter en conta as necesidades que lle trasladaron os e as  traballadoras”, afirmou. 

En definitiva, o BNG ten claro que o acontecido co encarecemento da  piscina municipal “é só un paso máis na política de cemento e ladrillo  do señor Martín, que só sabe gobernar a base de subir impostos e  facendo mella nos aforros da veciñanza. Esa é a única solución capaz  de prantexar ante as sentenzas urbanísticas desfavorables e o  incremento do seu soldo”.

Comparte este artigo